Rosa Piñeiro: “Cs Baiona continuará loitando polos alicerces básicos do noso programa”

“Cs Baiona continuará loitando polos alicerces básicos do noso programa”, así o asegurou a concelleira por Cs en Baiona, Rosa Piñeiro, tras as negociacións establecidas durante as últimas semanas coas diferentes formacións políticas.

Piñeiro será a representante da formación laranxa no Concello de Baiona tras o falecemento de Adolfo Valverde. “Esta formación mantívose fiel aos seus principios, buscando en todo momento para Baiona un goberno moderado que trouxese a rexeneración política ao noso pobo, pero a pesar dos nosos esforzos e vontade de entendemento, non foi posible”.

Insistiu en que Cidadáns Baiona nunca renunciou a entrar no goberno coas dúas forzas maioritarias. “Demostramos sentido da responsabilidade, pero finalmente a decisión final era tamén doutros e está claro que pesou máis a ideoloxía que os programas”.

Rosa Piñeiro anunciou que continuarán loitando polos alicerces básicos do seu programa. “Entendiamos que esta era a oportunidade para cambiar e modernizar Baiona, para poñer as primeiras bases dun polígono tecnolóxico e de integrar as parroquias co centro. E seguímolo crendo”.

Tamén quixo aclarar que como funcionaria do concello de Baiona terá que solicitar unha excedencia para exercer o seu cargo de concelleira, xa que ambas as dúas ocupacións non son compatibles, “renunciando ao meu soldo actual e pasando a percibir as retribucións contempladas para os membros da corporación sen ningún tipo de dedicación”.

Para finalizar, destacou que a perda do seu compañeiro Adolfo Valverde foi un golpe moi duro para todos os membros da nosa agrupación, “pero el querería que seguísemos traballando por Baiona, e así o imos a seguir facendo, eu a primeira. Cidadáns é un proxecto, a semana próxima empezarei a reunirme con todos os actores sociais da vila para levar e defender as súas necesidades ao concello”.

Anuncios