Os socialistas referendan a Carmela Silva para repetir mandato á fronte da Deputación

As e os socialistas da provincia de Pontevedra reuniron este luns ao Comité Provincial, máximo órgano de dirección entre congresos, para dar conta do traballo feito durante os procesos electorais que coparon os últimos meses. “Estas vitorias son o resultado do traballo de toda a militancia durante os 365 días do ano”, destacou David Regades, secretario xeral provincial.

“Estes resultados chaman a unha maior responsabilidade do Partido Socialista na provincia de Pontevedra”, continuou explicando Regades, que destacou a forte implicación da dirección provincial durante a campaña, que conseguiron que o PSdeG fose a primeira forza por primeira vez nunhas eleccións xerais e gañase as eleccións municipais, conseguindo o pasado sábado 21 alcaldías e entrar noutros catro gobernos de coalición, o que supón gobernar sobre un 68,92% da poboación, case 650.000 veciñas e veciños dos máis de 900.000 mil habitantes que ten a provincia.

Esta vitoria nas eleccións municipais transformouse tamén na primeira vitoria socialista na Deputación de Pontevedra, onde as e os socialistas se quedaron a un escano de conseguir a maioría absoluta. Precisamente o Comité Provincial aprobou por aclamación a Carmela Silva como candidata a continuar durante o próximo mandato á fronte do goberno provincial.

Regades destacou o forte cambio vivido na Deputación desde a chegada dos socialistas, recoñecendo o traballo de Silva. “Recolleu unha Deputación de amiguismo e fixo unha Deputación ao servizo das veciñas e veciños”, destacou o secretario xeral, “unha Deputación que creu e apostou pola autonomía local acabando co caciquismo e clientelismo do Partido Popular”.

Silva tomou o relevo de Regades e agradeceu a todas e todos “o apoio recibido durante estes anos para transformar a Deputación”. Deputadas e deputados, alcaldesas e alcaldes e o gabinete, os que lle recoñeceu o seu “compromiso e valentía” sen os que tería sido imposible levar a cabo este cambio.

“Espérannos catro anos marabillosos, de moito traballo”, engadiu, explicando que a “proximidade, escoitar e entender son as claves” para levar a cabo unha política cuxo principal leitmotiv son os valores socialistas de igualdade e xustiza social. “O Partido Socialista é o mellor partido da historia de España sen dúbida, e a súa xente a mellor”, finalizou.

Próximo obxectivo: desaloxar a Feijóo da Xunta

Regades puxo a vista xa na próxima cita coas urnas marcada no calendario das galegas e galegos, as eleccións autonómicas previstas para outono de 2020. “Galicia necesita un cambio político urxente”, afirmou o máximo dirixente do partido a nivel provincial, que puxo “ao servizo da dirección nacional” que capitanea Gonzalo Caballero todo a forza do partido a nivel provincial para empezar a traballar “desde hoxe mesmo” en quitar a Feijóo da Xunta de Galicia.

Con este motivo, Regades puxo sobre a mesa propostas de políticas que lle vai solicitar ao presidente conservador da Xunta, como a posta en marcha dun fondo incondicionado de cooperación local para os concellos, semellante ao posto en marcha polo goberno de Carmela Silva na Deputación de Pontevedra, ou a defensa de que o 50 % do canon do saneamento se reinvista nos concellos tendo en conta as propias demandas dos gobernos locais, e que o 50 % restante se invista atendendo a criterios obxectivos coa vista posta no cumprimento da axenda 2030.

Regades acordouse tamén de Alfonso Rueda, presidente provincial do Partido Popular, criticando que celebre “as dimisións no ámbito local” e non asuma as responsabilidades que lle corresponde tras a derrota sufrida polo PP na provincia.

“Non me parece xusto que Rueda faga o achaque as direccións locais cando o resultado do PP é malo en toda a provincia”, engadiu Regades, lembrando que a implicación do presidente provincial dos conservadores foi “total”.

Anuncios