“Sons do Casco” volve encher de música e público a zona vella de Baiona

FOTO: PEPE COSTAS // A Polémica Banda dos Bechuchos.

Baiona celebrou este venres e sábado con gran éxito a cuarta edición da Ruta Musical “Sons do Casco”, organizada pola Concellería de Cultura do Concello de Baiona e a Asociación de Comerciantes e Empresarios de Baiona (Aceba), co obxectivo fundamental de dinamizar e desestacionalizar a oferta cultural e de lecer baionesa e mostrar ao mesmo tempo o traballo dos artistas locais.

Así, desde as 21:00 ata as 00:15 horas do venres e desde as 12:00 ata as 22:30 horas do sábado, 17 grupos de moi variados estilos ofreceron as súas propostas musicais ao numeroso público asistente, en 9 escenarios situados en diferentes recunchos emblemáticos e singulares do centro histórico baionés, como son a prazas Pai Fernando, Pedro de Castro e Fonte de Zeta, as rúas Ventura Misa, Diego Carmona, Lorenzo de la Carrera, Xogo da Bola e os Xardíns do Museo da Navegación.

Gain Over & Bluemonk e The Hendersons foron os encargados de abrir o evento na noite do venres. Xa o sábado, no “maratón” musical de máis de 12 horas os veciños e visitantes puideron escoitar jazz, blues, funk, flamenco, rock ou pop. Bloquinho Aperta iniciou a xornada cun pasarrúas. Despois actuaron Felipe Villar Trío, Swing Du Monde, Broke Acoustic Covers, Llorente y Tribu, Tacón Gitano, DJ Ángel Vaquero, Yaggo+Percusión+Guitarra, The Goonies, Javi Pacheco, The Mirror, Dudecan, Black Stereo e A Polémica Banda dos Bechuchos.

El pase de diapositivas requiere JavaScript.