Nigrán e Vilanova de Gaia irmandados polo baloncesto

O GD Bolacesto de Vilanova de Gaia desprazouse este fin de semana ata Nigrán cos seus equipos júnior e sénior feminino xunto a unha representación de familias e directivos para disputar un torneo amigable coas xogadoras de CB Nigrán, no que tamén participou o equipo sénior do CB Redondela. A comitiva portuguesa chegou a Nigrán o sábado pola tarde e unha vez instaladas nun hotel da localidade foron recibidas polo alcalde de Nigrán, Juan González, a concelleira de Educación, Marina Vidal, e a Directora deportiva do CB Nigrán, Nuria Gómez Domínguez.

O primeiro partido tivo lugar esa mesma tarde no CPI Arquitecto Palacios de Panxón, onde o equipo júnior luso enfrontouse ao equipo júnior anfitrión. Xa o domingo, no Pavillón Municipal tiveron lugar dous encontros, un que enfrontou ás xogadoras sénior portuguesas contra a equipa sénior do CB Redondela, e a continuación, para pechar o torneo, as júnior do CB Nigrán volveron enfrontarse ao júnior portugués.

Para rematar esta visita o club anfitrión fixo entrega dun agasallo ás dúas equipas visitantes e a continuación desfrutaron dun pequeno xantar xunto á familia do CB Nigrán e o alcalde Juan González, que fixo entrega dun agasallo representativo da localidade antes de que a expedición portuguesa iniciase a viaxe de retorno.

Anuncios