Ferreira asume a maioría “con humildade” para “seguir transformando” Gondomar

Paco Ferreira foi proclamado este sábado alcalde de Gondomar cos nove votos a favor dos concelleiros electos do PSOE, o que supoñerá un goberno de catro anos con maioría absoluta. Despois da toma de posesión de todos os concelleiros e tras recibir o bastón de mando de mans de Antonio Araújo como concelleiro de maior idade, no seu discurso de investidura Ferreira quixo agradecer en primeiro lugar a todos os veciños e veciñas do municipio polo seu “voto de confianza” nas pasadas eleccións municipais do 26 de maio. Deu as grazas tamén ao equipo de homes e mulleres que formaron a candidatura socialista, sen esquecerse do resto de representantes da corporación municipal, aos que deu o parabén.

Ferreira sinalou que asume a maioría absoluta “con humildade” e advertiu que hai que “tomarllo con moita tranquilidade”. “Como fixemos desde fai catro anos a traballar, a transformar o concello, a facer un Gondomar mellor, con moita ilusión, moitas ganas e moita forza, e desde a responsabilidade que temos agora que é moita”. Así mesmo tendeu a man a todas as forzas políticas para chegar a acordos “como fixemos no mandato pasado para traballar e facer deste concello un concello mellor para todos”.

“Vimos traballar con responsabilidade, con humildade, a tentar facelo ben, a corrixir erros que puidemos ter no pasado, con moitas ganas e ilusión, con moito esforzo, e non queremos perder nin un minuto para seguir traballando como así o fixemos. A cidadanía falou e puxo a cada un no seu sitio”, concluíu o alcalde.

A corporación municipal de Gondomar quedou constituída con nove concelleiros do PSOE, catro do PP, dous de Manifesto Miñor, un de Cidadáns e un do BNG.