“As portas do concello estarán sempre abertas para os nosos veciños e veciñas”

O socialista Carlos Gómez xa é o novo alcalde de Baiona, tras ser investido cos votos a favor dos seis concelleiros electos do PSOE, os dous de Nós Baiona e os dous do BNG. Despois de xurar o cargo todos os membros da nova corporación e tras recibir o bastón de mando de mans de Carlos de la Peña, como membro de maior idade do pleno, as primeiras palabras de Gómez foron de agradecemento polo apoio recibido pola súa candidatura nas eleccións do pasado 26 de maio.

Ante un salón abarrotado, tampouco se esqueceu dos seus compañeiros, os seus pais e a súa esposa. Quixo facer unha mención especial a Adolfo “Fito” Valverde Quintas, candidato á alcaldía por Cidadáns falecido repentinamente hai pouco máis dunha semana e que hoxe debería recoller a súa acta de concelleiro.

O xa alcalde socialista mostrou a súa gratitude cara a Iago Pereira do BNG e Carlos de la Peña de Nós Baiona, “pola súa predisposición para que hoxe haxa un goberno para os próximos catro anos liderado pola miña persoa”. Tamén tivo palabras para o Partido Popular de Ángel Rodal, esperando que “todos xuntos podamos construír unha Baiona mellor”, quedando ao dispor de todos os veciños e veciñas.

“Cando formei o grupo de goberno pedín aspectos moi básicos que hoxe en día quero para Baiona, como respecto, igualdade, transparencia e empatía, pero sobre todo moito traballo para que o presente e o futuro vaia moito máis alá do nome da nosa Real Villa. Podo dicir orgulloso que as portas do concello estarán sempre abertas para os nosos veciños e veciñas, un concello que comezará a traballar desde hoxe para que todos os seus habitantes vivan mellor. Un concello que apostará forte polas parroquias, pola nosa vila e sobre todo polos nosos veciños e veciñas”, continuou o discurso de Carlos Gómez.

Para finalizar, o xa alcalde sinalou que o seu obxectivo será que os baioneses e baionesas “se sentan máis orgullosos se cabe desta gran vila, a mellor de todas, que poidan crecer e formar as súas vida nela, pero sobre todo que vexan que a gran oportunidade que me brindaron de facer algo por ela fun capaz de aproveitala da mellor das maneiras. O desexo e o obxectivo, levar a Baiona a ser o referente das vilas do noso país. Viva Baiona, vivan os baioneses e as baionesas”.

Así, a corporación baionesa estará conformada por seis concelleiros do PSOE, dous de Nós Baiona, dous do BNG, seis do PP e un de Cidadáns.