A Xunta investiu preto de 140.000 € en obras de mellora de dous centros educativos de Nigrán

O delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, desprazouse hoxe ata Nigrán, acompañado polo xefe territorial da Consellería de Educación, Universidade e Formación e Profesional, César Pérez Ares, para supervisar as obras de mellora acometidas en dous centros educativos deste municipio pontevedrés.

Así, o representante autonómico percorreu hoxe as instalacións do IES Escolas Proval e o CEIP Humberto Juanes xunto aos directores de ambos os dous centros. No primeiro caso, a Administración autonómica vén de acondicionar para o seu uso como vestiarios (un masculino, outro femenino e un terceiro adaptado á normativa de discapacidade) un espazo nun local na planta baixa, co obxectivo de dar servizo de aseo aos alumnos tras as clases de ximnasia. Unha actuación cun custo de 100.474,14 euros.

En canto ao CEIP Humberto Juanes, abordáronse os problemas de accesibilidade derivados das diferentes alturas existentes mediante a formación de ramplas. Segundo informou López-Chaves, “trátase dunha comunidade educativa onde existen varios casos de mobilidade reducida, polo que se precisaban resolver as barreiras arquitectónicas”. O investimento neste caso ascendeu a 38.761,60 euros.

Durante a visita, o delegado territorial recordou que este tipo de actuacións demostran o compromiso do Goberno galego coa mellora dos centros de ensino, co único obxectivo, sinalou, de “ofrecer o mellor servizo a comunidade educativa”.