
Nigrán dispón dun diagnóstico xeral de saúde actualizado da súa poboación. É un estudo pioneiro realizado polo persoal sanitario do Centro de Saúde Val Miñor e supón a actualización doutro traballo inicial, de características similares, que se realizou hai 30 anos.
A investigación analiza as distintas variables sociosanitarias dos residentes do municipio e achéganse os datos de actividade dos centros asistenciais da zona, así como a evolución das prestacións sanitarias.
Os coordinadores do traballo son a doutora Concepción Nogueiras, que xa coordinou o estudo anterior, e o enfermeiro Francisco Represas, ambos os do Centro de Saúde Val Miñor. Na elaboración do mesmo participou a práctica totalidade do persoal sanitario do propio centro.
O diagnóstico de saúde defínese como o proceso de recollida de datos e posterior elaboración de información para coñecer as necesidades de saúde da poboación así como a súa evolución. Ademais, permite unha discriminación dos problemas e necesidades de saúde segundo a súa importancia, polo que facilita establecer prioridades asistenciais.
Os autores remarcan que a saúde do conxunto da poboación depende nunha grande medida das condicións do entorno no que se vive, e non soamente dos aspectos sanitarios dispoñibles.
“O primeiro traballo realizámolo aquí no ano 1987, e consideramos que era necesaria unha actualización e comparación 30 anos despois”, explica a doutora Nogueiras. “Este estudo de Nigrán é o único destas características en municipios da área sanitaria de Vigo”, segundo o enfermeiro Francisco Represas.
Máis de 20.000 tarxetas sanitarias
O municipio de Nigrán ten 20.512 tarxetas sanitarias, das que 12.721 son atendidas no Centro de Saúde de Val Miñor e o resto, 7.791, no Centro de Saúde de Panxón. A cifra global significa que o número tarxetas case duplicou, nestes 30 anos, ao de cartillas que había cando se realizou o primeiro estudo.
Destácase que a pesar de que as cotas médicas diminuíron respecto ao período no que se elaborou o primeiro estudo, o número de consultas diarias aumentou nun 25% , aspecto que pode ser xustificado por unha maior frecuentación e pola maior accesibilidade da poboación aos servizos sanitarios. De feito, unha gran parte deste incremento débese a implantación do programa de consultas telefónicas.
De acordo coas conclusións do traballo, nos últimos anos detectouse un importante aumento da obesidade infantil, acusada diminución da natalidade, incremento da esperanza de vida e, como consecuencia, envellecemento considerable da poboación. O propio estudo conclúe que esta evolución xeral é similar á que existe en Galicia e no resto de España.
As infeccións respiratorias, principal causa das consultas
Os tres motivos de consultas máis frecuentes son as relacionadas con infeccións respiratorias, 6.750 casos ao ano; os trastornos do metabolismo lípido, 4.574 casos; e as que teñen que ver con receitas e medicación, 4.108. Por contra, as que tiveron menor número de casos son as analíticas, as relacionadas con infeccións de ouriños e os trazados eléctricos e electrocardiogramas.
En canto ás causas máis frecuentes de incapacidade laboral transitoria no municipio destacan as patoloxías óseas, as respiratorias e as psiquiátricas. Os coordinadores do traballo inciden en sinalar “o rechamante aumento experimentado co paso dos anos no número de incapacidades por causas psiquiátricas (estrés, ansiedade ou depresión)”.
No PAC Val Miñor producíronse 31.354 atencións anuais, das que se derivaron ao hospital un 10,9%. Unha porcentaxe que está nos parámetros medios da área sanitaria de Vigo no ano 2017, que foi cando se computaron os datos que agora se presentan no estudo.
O maior número de receitas prescritas, 97.456, correspondeu a patoloxías do sistema nervioso, seguido de enfermidades do sistema cardiovascular, 86.179.
E as causas máis frecuentes de mortalidade son en primeiro lugar os procesos oncolóxicos e en segundo, os cardiovasculares.