O Congreso AECOC de Produtos do Mar reunirá en Baiona a preto de 300 profesionais do sector

Preto de 300 profesionais de toda a cadea de valor (lonxas, produción, distribución…) dos produtos do mar reuniranse os próximos 18 e 19 de xuño no Parador Nacional de Baiona para tomar o pulso a un sector crave para a economía galega e nacional.

O Punto de Encontro, que este ano celebra os seus primeiros 20 anos de existencia, é un referente nacional para as compañías do sector, que anualmente se dan cita en Baiona en busca de fórmulas que lles permitan atraer e fidelizar a un consumidor en pleno proceso de cambio.

O Congreso analizará, nesta ocasión, a evolución do mercado do gran consumo e dos produtos do mar, como é e como se comporta o consumidor deste tipo de produtos, así como o impacto no sector da transformación dixital. Neste sentido, o programa fará foco nas oportunidades que o blockchain ofrece ás empresas á hora de controlar a trazabilidade dos produtos do mar; unha práctica clave nun momento en que o consumidor esixe transparencia e a máxima información.

Así mesmo, o Congreso AECOC de Produtos do Mar reflexionará sobre como pode o sector combater o alarmismo mediático e mesmo enfrontarse a posibles situacións de crises e tamén sobre a importancia de reforzar a reputación empresarial ou sectorial en base ao impulso de marcas comprometidas e responsables.

Para iso, o Punto de Encontro contará coa participación de relatores como Pedro J. Domínguez-director de vendas en España de Nielsen-, Jorge Alberto Martínez e José Antonio Santana -Director de Peixaría e Director de Solucións e Transformación dixital de Carrefour España, respectivamente-, Andrea K. Weber -Director de RSC da empresa de distribución Metro- ou Andy Stalman -un dos maiores expertos mundiais en creación de marcas-, entre outros.

O Congreso, que ao longo dos seus 20 anos de existencia celebrouse sempre en Galicia, será inaugurado pola Conselleira do Mar, Rosa Quintana.

Anuncios