
O xurado do concurso de carteis «Quin Alborés-Nigranjazz», certame promovido polo Concello de Nigrán, elexiu a proposta «Red Goose» do deseñador gráfico Leonardo Abate entre as preto de cen recibidas de toda España, o dobre do ano anterior e cifra récord ata agora. A imaxe dun ganso vermello con pico de trompeta centra este cartel.
O Xurado considera que é unha imaxe de gran calidade artística e que destaca na súa orixinalidade sobre as demais presentadas nesta edición e se diferencia tamén respecto ás anteriores. Valorouse especialmente a asociación de ideas que reflicte a personalidade única do Nigranjazz, xa que se celebra ao carón dun espazo natural de enorme riqueza ornitolóxica. Destaca tamén a aparente sinxeleza da composición, que lle outorga gran limpeza visual ao seu conxunto. Por todo elo, o xurado considera que esta proposta gañadora é a mellor representante desta edición e lle confire un novo pulo ao propio concurso.
O Xurado seleccionou «Red Goose» entre outros 3 finalistas baixo os lemas Cartelfin (Ulises Fernández Osuna – Granada), Njazz (Samuel Adebola Akinfenwa Onwusa – Zaragoza) e Bass (Esther Sánchez Espiñeira – Santiago de Compostela).
Leonardo Abate, gran amante do jazz, é deseñador gráfico e publicitario (Nueva Escuela de Diseño y Comunicación de Buenos Aires, promoción 1996/2000), está afincado en Barcelona e traballa de maneira freelance, pertencendo a maioría dos seus clientes ao sector da música (festivais, asociacións…). A súa labor comprende dende a cartelería para concertos ao deseño e mantemento web, cápsulas para redes sociais, marketing online… Conta entre os seus clientes con Estrella Damm Curtcircuit, MIM (Mujeres de la Industria de la Música), Ciclo Club Circuit, Associació de Sales de Concerts de Catalunya…
O certame «Quin Alborés» rende homenaxe dende o ano 2010 ao artista nigranés Quin Alborés, moi afeccionado ao jazz e quen impulsou o festival dende o seu comezo deseñando os seus tres primeiros carteis.