15 voluntarios participarán no “Zampakilos Solidario” de Baiona

A Fundación Provincial Banco de Alimentos mobilizará esta fin de semana a máis de 300 voluntarios na campaña “Zampakilos Solidario” impulsada por Vegalsa-Eroski e que se desenvolverá en Vigo, Redondela, Moaña, Porriño e Baiona.

A recollida de comida levarase a cabo mañá, venres, e o sábado, 14 e 15 de xuño, en distintos supermercados Eroski Center e Autoservizos Familia. Nos devanditos establecementos estarán voluntarios, perfectamente identificados con chalecos da ONG, que permitirán todas as doazóns que a cidadanía queira entregar.

Por localidades: en Vigo participarán 220 voluntarios; en Redondela, 40, en Moaña, 20; en Porriño, 20; e, en Baiona, 15 máis.

Por terceiro ano, o “Zampakilos Solidario” desenvolverase de maneira simultánea esta fin de semana en numerosos supermercados do grupo empresarial en Galicia, Asturias e Castela e León. Tamén haberá recollida de alimentos noutras superficies comerciais de Vegalsa-Eroski en Pontevedra e Marín. A cadea empresarial comprometeuse a doar unha achega adicional do 4 por cento en produtos.

Este ano como novidade, ademais da entrega de alimentos directamente nas tendas, os clientes terán a posibilidade por primeira vez de facer doazóns económicas a través das caixas dos establecementos, creándose unha liña de crédito para cada Banco de Alimentos que poderán trocar ao longo do ano en función das súas necesidades.

En canto ao Banco de Alimentos de Vigo, esta acción solidaria supoñerá un importante impulso en canto ao abastecemento de produtos básicos para o almacén co que conta en Lavadores.

Desde a ONG agradécese a iniciativa solidaria que parte de Vegalsa-Eroski á vez que lembra a necesidade de recibir alimentos básicos cos que poder seguir axudando ás 25.000 persoas ás que axuda na provincia de Pontevedra.

Anuncios