Os alumnos do CEE de Panxón vanse de patrulla coa Garda Civil pola baía de Baiona

Axentes do servizo marítimo da Garda Civil visitaron este mércores o Centro de Educación Especial de Panxón, onde atenderon ás cuestións que lles formularon os alumnos e alumnas desde o programa da Radio Escolar, con proxección de imaxes e vídeos do seu traballo. A continuación os doce alumnos acompañados dos seus catro profesores visitaron o patrulleira “Río Guadalupe”, e a bordo da mesma, deron un paseo pola baía de Baiona á vez que coñecían de primeira man as distintas funcións que realiza a tripulación. Toda unha experiencia de achegamento entre o mundo educativo e as forzas de seguridade do Estado que resultou moi positiva.

A actividade está enmarcada no “Plan Director para a Convivencia e Mellora da Seguridade nos Centros Educativos e as súas Contornas”, que ten como obxectivo axudar a previr os problemas de seguridade e de convivencia que poden afectar á poboación máis nova, como o acoso escolar; drogas e alcol; bandas violentas, racismo e intolerancia; violencia sobre a muller e discriminación; ou Internet e redes sociais. A iniciativa tamén serve para achegar á Garda Civil á poboación, e que os escolares teñan un contacto máis directo con eles.

Anuncios