Chévere e Garabullo gañan o II Concurso de Escaparates e Ambientación de Gondomar

Este xoves déronse a coñecer os gañadores do segundo Concurso de Escaparates e Ambientación de Locais do Concello de Gondomar, organizado polo Concellaría de Comercio en colaboración coa Asociación de Comerciantes e Empresarios do Val Miñor (OVALMI).

O primeiro clasificado na categoría de escaparates foi Chévere, mentres que na de ambientación o máis votado foi Garabullo Fisioterapia e Deporte. Xosé Antón Araúxo, concelleiro de Comercio, e Jose González Goce, vicepresidente de OVALMI, foron os encargados de entregar o premio de 300 euros e un diploma para cada un deles.

Os motivos e a decoración dos escaparates e da ambientación dos locais tiveron como tema as “Festas de Nadal”. Os 24 comercios participantes deberon adornar ademais a beirarrúa correspondente ao espazo do local, coa colocación dunha alfombra ou moqueta vermella na entrada ocupando o espazo físico da beirarrúa.

Nesta segunda edición o proceso de elección do comercio premiado foi novidoso, habendo unha dobre entrada de votos, a primeira directamente en urnas nos establecementos participantes, nas que os clientes puideron depositar o seu voto, e outra mediante voto telemático. Entre todas as persoas que depositaron o voto nas urnas sorteouse ademais unha cesta de Nadal. Os máis votados foron os gañadores, tendo en conta o 60% dos votos en urna e o 40% restante dos votos telemáticos.