Morodo, Dr. Queen e Olympus encabezan o cartel das festas da Anunciada de Baiona

O Concello de Baiona e esta vez como responsable da Concellería de Cultura Ángel Rodal, traballou nun cartel para as festas patronais da Anunciada que reunise unha serie de características: que abarcase a todas as franxas de idades, con grupos de contrastada calidade, e que promocione aos músicos baioneses.

O venres día 2 de agosto apostan polos máis novos con tres grupos de recoñecido prestixio tanto a nivel nacional como internacional, e cunha gran calidade musical. “Estamos seguros que non só os máis novos gozarán deste gran día”, sinalan desde o goberno municipal.

MORODO, un referente indiscutible a nivel nacional en Hip Hop e música xamaicana. Un músico consolidado que se inicia en 1999 e que a día de hoxe é venerado polos que lles gusta o roots reggae, a electrónica e o dancehall.

SHOTTA, Dentro da escena rapeira estatal, o sevillano Ignacio González Rodríguez, máis coñecido como Shotta, colocouse na cima. Shotta converteuse nun dos MC con máis talento da escena Hip Hop española, facendo gala dunha forza e creatividade indiscutibles.

GANJAHR FAMILY, é un grupo baionés formado por Daniel Canela a.k.a. Nivel Canelow e Pablo Leyenda a.k.a. Donpol, cunha gran proxección artística a nivel nacional e cunha gran base de seguidores en latinoamérica. Os estilos que practican son principalmente o New Roots e o Dancehall, aínda que se moven con soltura por case todos os estilos de Reggae cunha combinación vocal única na escena española. “Desde o Concello de Baiona estamos sumamente orgullosos de que formen parte da cartelería das Festas da Anunciada e de poder contar coa súa axuda en confeccionar este impresionante cartel para o venres día 2”.

O sábado día 3 de agosto continuarán promocionando aos músicos baioneses, neste caso co grupo AMISTADES PELIGROSAS da man dos baionés Marcos Rodríguez. Despois da gran tirada de lumes terá lugar o gran espectáculo dunha das bandas de tributo a QUEEN con maior recoñecemento a nivel internacional, DR. QUEEN, que vén en exclusiva a Baiona desde Arxentina. Un espectáculo moi especial neste ano conmemorativo da gran banda, no que Baiona é merecedora de gozar das cancións máis populares que marcaron a todos os amantes da música.

O domingo día 4 de agosto, finalizará a programación cunha das orquestras máis punteiras a nivel nacional, OLYMPUS. Unha orquestra que anima tanto aos que lles gusta bailar salsa, bachata, etc como aos máis novos. Unha orquestra do século XXI.

Ángel Rodal como Alcalde e responsable da Concellería de Cultura conseguiu encaixar a diversidade e a calidade musical deste cartel, desexando que sexa do agrado de todos os baioneses e visitantes que lles acompañen na época estival.

Anuncios