Alberto Meira, a trasladar o seu ritmo do “Rías” a Narón

Despois de terminar o Rallye Rías Baixas con bo sabor de boca a pesar das avarías, marcando os mellores rexistros no último bucle da carreira, o equipo AMF Motorsport desprázase ao extremo norte da comunidade galega para disputar o Rallye Cidade de Narón, onde Alberto Meira ten unha bagaxe de tres vitorias conseguidas en 2010, 2015 e 2016.

Unha vez demostrado que o Citroën DS3 R5 pode estar en tempos de cabeza, é hora de ratificalo nos sempre difíciles tramos de Ferrolterra, que durante os dous últimos anos foron coto pechado dos seus dous rivais habituais aos mandos de senllos R5 fronte ao Mitsubishi Lancer, pero cuxa tendencia tratará de romper nesta edición aos mandos do bólido francés.

O piloto gondomarense móstrase confiado antes da proba naronesa: “No Rías demostramos que podiamos estar no ritmo da vitoria, algo que non fora posible na Coruña e que en Noia non deu tempo a comprobar, así que chegamos coa moral alta e con moitas ganas de pelexar polo triunfo. Tanto Murado como eu daremos o máximo, do mesmo xeito que o resto do equipo, e esperamos que a mecánica nos respecte e podamos competir sen incidencias”.

O Rallye de Narón conta co novo formato que empeza a impoñerse no rexional galego, o de tres tramos a tripla pasada o sábado con Cerdido, A Queiroga e Ferreira e como antesala o venres un tramo urbano polas rúas de Narón que xa se disputou na edición do 2017.