O IEM proxecta o documental “A luz do negro” de Encarna Otero

O venres 29 de marzo ás 20:30 horas o IEM proxectará “A luz do negro”, un documental de Encarna Otero sobre o traballo na mina de Fontao. Será presentado por Diego Casal Ramos, enxeñeiro de minas e membro do Comité de Patrimonio da Cámara Oficial Mineira de Galicia. Ao finalizar a proxección haberá un coloquio con Encarna Otero. O acto terá lugar na Aula de Cultura Ponte de Rosas, (Avda. da Feira, 10 baixo), en Gondomar.

No ano 1939, a Brea era unha das grandes minas de volframio activas a nivel mundial. Axentes aliados e alemáns releaban pola compra do «ouro negro», do mineral estratéxico para o armamento da II Guerra Mundial. Isto xera unha febre mineira que ocupou miles de homes e mulleres na súa procura. A construción do poboado mineiro do Fontao na década dos cincuenta do século XX e o feito de que a actividade mineira da Brea, aínda que se vai reducindo paulatinamente, se prolongue ata a década dos sesenta fan deste territorio da Brea unha fonte rica de testemuñas, de mulleres que coa súa memoria nos achegan a realidade da vida na mina, a amosaren particularidades concretas e ben diferentes do que vivían moitas outras na Galiza dos escuros anos corenta, anos de represión, fame, miseria, anos de tanta dor. Con A luz do negro, perséguese que as testemuñas alumeen un mundo, o da minaría, onde as mulleres sempre fican agochadas.

Anuncios