O maquetista de Camos “tira” o serrucho tras 50 anos

FOTO: PABLO F. ESTÉVEZ // Feliciano pousa xunto á súa última maqueta, segundo asegura.

Tras case cincuenta anos de afección e unha trintena de maquetas ás súas costas, Feliciano Figueiró, coñecido como “o maquetista de Camos”, di ata pronto e colgará o serrucho “por agora” tras cumprir 81 anos de idade. Asegura que as súas facultades non son as mesmas aínda que a xulgar pola calidade da súa última reprodución, poderíase dicir que todo é relativo. Trátase da recreación da súa casa, unha maqueta á que non lle falta todo tipo de detalles e elaborada sobre un plafón de 1,30 metros de longo por 70 centímetros de ancho e 30 de alto. Un conxunto que alcanza un peso total que rolda os 15 quilos. Quizais o máis rechamante deste nigranés son os resultados que consegue co seu “método” construtivo xa que como el di “dous pasos pequenos fan un metro” e así fai a planta, que despois pasa ao papel e coas proporcións obtidas comeza a elaborar os planos servíndose tamén de fotografías.

O certo é que coa traxectoria que este arquitecto a escala ten tras de si custa crer que realmente se retire. Polas súas mans pasaron barcos e pontes ou mesmo avións, aínda que o seu forte son os edificios colosais xa sexan catedrais, concatedrais, igrexas ou consistorios. Así pois e grazas ao seu don para pasar de grande a pequeno foi quen de reproducir o Templo Votivo e o consistorio porriñés, ambos de Antonio Palacios; as catedrais de Santiago, Burgos, León, o santuario de Fátima; a pontevedresa Peregrina, as pontes de Rande e do Milenio; o mosteiro de Oia, as torres de Hércules e a de Eiffel, a Sagrada Familia, ou a concatedral de Tui son algunhas que conforman a lista interminable que figuran entre as súas creacións. Unha infinidade de pequenas obras de arte que entre todas suman miles e miles de horas de minucioso traballo e de longas conversacións coa madeira, sempre con bo final.

Figueiró explicou que a reprodución da súa casa levoulle anormalmente pouco, se o tempo mídese en meses, claro, xa que anteriormente combinaba o seu hobby cos labores do campo, un feito que provocaba unha dilatación considerable e que en moitas ocasións alongábanse pasando ben o ano. Con todo a que acaba de rematar tan só levoulle media anualidade a razón de tres horas diarias, o que supón un total de 540 a base de paciencia, precisión e enxeño. A partir de aquí haberá que esperar para saber se realmente esta será a súa última maqueta pero unha cousa está clara, os resultados conseguidos causan de todo menos indiferenza.

“DOUS PASOS SON UN METRO”

Para elaborar as maquetas Feliciano sérvese das súas pernas para interpretar as medidas e proporcións, ademais de fotografías para facer os planos. Xa en vereda utiliza un serrucho, un cutter, madeira de diferentes grosores, cola de contacto, pintura e pinceis, ademais de area fina para simular a rugosidade da pedra.

DE TODAS ELAS TAN SÓ VENDEU UNHA

Da totalidade das maquetas realizadas, Feliciano tan só vendeu a reprodución do consistorio porriñes, e fíxoo ao propio Concello por 1.500 euros. Exceptuando as que garda na súa colección particular, o resto foron doadas aínda que todas elas levaron consigo un compromiso de mantemento formalizado a través dun contrato. Unha maneira de asegurarse que o produto de horas e horas de incansable traballo non acabasen no cubo do lixo. Con todo nalgunhas ocasións isto non foi suficiente e acabaron con serios danos. Este é o caso da maqueta do mosteiro de Oia, que na actualidade atópase na súa igrexa. A ausencia de luz e o exceso de humidade do inmoble situado no complexo eclesiástico están a danar a reconstrución ante a impotencia do seu autor e asegura que de non tomar medidas a tempo, o mosteiro a escala acabará inservible. “Só pido que coiden as miñas creacións”, lamentou.

Anuncios