Fin de curso no Conservatorio de Gondomar con conferencias e concertos

O Conservatorio de Música de Gondomar celebra o fin de curso cunha serie de concertos e conferencias, dando o peche definitivo a este curso lectivo. Este martes terá lugar a última conferencia sobre a Visión da Muller no Arte que impartirá o Catedrático en Etnomusicoloxía e Doutor en Comunicación Audiovisual Roberto Relova. A conferencia que versará sobre publicidade, cine e ópera, baixo o título de “Mulleres! Protagonistas do s.XXI”, terá lugar ás 19:00 horas no Auditorio Lois Tobío.

O mércores día 5 terá lugar o concerto de fin de curso no que participarán os alumnos do conservatorio de coro e orquestra. Terá lugar a presentación oficial do mural deseñado por Irene Silva Xiráldez e realizado coa colaboración dos alumnos do centro, e o concerto de tres contos musicados coa colaboración de Espazo Lectura e o grupo xuvenil de teatro Pritis Guomis dirixidos por Lola Correa.

Por último, o xoves 6 será o concerto dos alumnos finalistas de 4º curso do grao elemental de todas as especialidades. Todos os concertos celebraranse no Auditorio ás 19:00 horas, con entrada gratuíta ata completar aforamento. Todas as actividades están organizadas pola Concellería de Cultura, dirixida por Nuria Lameiro, e cofinanciadas pola Deputación de Pontevedra.