
A Garda Civil detivo a un veciño de Baiona, de 43 anos, ao que se lle atribúe a presunta comisión de preto de 30 delitos de roubo e furto, a maior parte deles en vivendas e garaxes da localidade.
As investigacións levadas a cabo por efectivos do Posto Principal da Garda Civil de Baiona-Nigrán iniciáronse por mor da proliferación de roubos e furtos que se estaban producindo nos garaxes e rochos dun mesmo edificio situado no núcleo urbano de Baiona.
Esta circunstancia permitiu establecer unha liña de investigación valorando a posibilidade de que o presunto autor puidese ser algunha persoa que residise no edificio, ata que se reuniron os suficientes indicios que fixeron sospeitar dun dos residentes, despois de valorar os seus antecedentes policiais e o seu perfil de consumidor habitual de estupefacientes, que poderían ser os motivos que lle leva a delinquir.
Despois dun arduo labor e investigación, no que foron esenciais non só os controis e seguimentos que se lle fixeron a esta persoa senón tamén os resultados obtidos polo Equipo Básico de Inspección Ocular (EBIO) na recollida de mostras e vestixios nos lugares onde se cometeron os roubos, púidose chegar á detención deste veciño, en principio como presunto autor unha ducia de roubos e furtos que cometería este ano, a maior parte deles no edificio onde reside.
Por mor da súa detención e a través das xestións realizadas nos establecementos de compra venda de obxectos de segunda man e por algúns dos efectos subtraídos que tiña no seu poder, púidoselle vincular ademais como suposto autor doutros 18 roubos e furtos cometidos durante os últimos anos nos garaxes doutras vivendas, no interior de vehículos estacionados na vía pública e algúns locais comerciais de Baiona.
Con ocasión da súa detención púidose recuperar un importante lote de obxectos subtraídos, que tiña gardados no seu domicilio e que se están entregando aos seus propietarios (maquinaria, ferramentas, dúas bicicletas, un monopatín e varios aparellos de radio, entre outro).
O detido foi posto ao dispor do Xulgado de Instrución de garda de Vigo que decretou a súa liberdade provisoria con cargos.