A artista baionesa Lula Goce inmortaliza aos xogadores estrela da ED Val Miñor no campo de Condomínguez

O Concello de Nigrán e a ED Val Miñor-Nigrán veñen de transformar o campo municipal de Condomínguez (Priegue) a través de dous grandes murais da recoñecida artista de Baiona Lula Goce, quen estivo traballando neles intensivamente as dúas pasadas semanas. A intervención centrouse no exterior dos vestiarios, onde se retrataron ás grandes figuras formadas na ED Val Miñor (os irmáns Thiago e Rafinha Alcántara, Rodrigo Moreno e Santi Comesaña) e tamén na parede da grada, onde figuran senllas escenas de celebración de nenos da escola de fútbol e, no centro, o retrato do futbolista internacional Jorge Otero e Santi Comesaña, actualmente no Rayo Vallecano, ambos os dous nativos de Nigrán. Esta instalación municipal é a empregada pola ED Val Miñor-Nigrán, quen conta con preto de 600 nenos en 35 equipos federados, entre eles un xuvenil en división de honra, o que supón recibir aos mellores equipos de todo o noroeste peninsular en Priegue . Trátase do segundo gran mural de Lula no municipio, xa que no 2018 o Concello de Nigrán encargoulle a fachada do CEIP Carlos Casares a petición da propia comunidade educativa.

“Foi o club quen nos trasladou a iniciativa de que pintara Lula aos xogadores estrela da Escola nos vestiarios, pareceunos unha idea fantástica e nos sumamos como Concello pintando tamén a grada con Jorge Otero presidíndoa”, explica o alcalde, Juan González, quen subliña que foi un dos colaboradores da ED Val Miñor-Nigrán quen, de xeito anónimo, tivo a iniciativa de contratar a Lula e sufragar as custas da súa intervención nos vestiarios, investindo o Concello 3.000 € na grada. Rafinha Alcántara, internacional con Brasil, xoga actualmente no R.C.Celta; Thiago Alcántara, internacional con España, xoga actualmente no Bayern de Munich; Rodrigo Moreno xoga actualmente no Valencia C.F; Santi Comesaña no Rayo Vallecano e Jorge Otero (1969, Priegue) foi o primeiro xogador do R.C.Celta internacional con España (ademais xogou no R.C.Betis ou Atlético de Madrid).

“O resultado é espectacular e estamos moi orgullosos da intervención, xa que confire personalidade ao campo ao tempo que homenaxeamos aos grandes deportistas de Nigrán, ou formados aquí, e tamén fai fincapé no futuro prometedor que temos, representado nos nenos desta escola”, explica González. Así, a propia nai dos irmáns Alcántara, o pai de Santi Comesaña e Jorge Otero acudiron onte a Condomínguez xunto o alcalde, o edil de deportes e membros do club a ver o resultado final, quedando todos eles moi satisfeitos (os xogadores en activo non poden asistir por mor das diferentes medidas preventivas dos clubs ante o Covid-19).

“O máis complicado para min foi pintar a parede exterior dos vestiarios porque ofrece unha visión curta e ten ocos como as xanelas que o dificultan moito. Ademais, foi todo un reto porque eu era a única persoa que non coñecía aos xogadores e tiven que empaparme de imaxes deles para poder facer un retrato certeiro”, explica Lula Goce, quen aclara que a técnica empregada en ambos murais foi pintura acrílica e plástica aplicada con rodete e pincel e, a posteriori, algún toque de spray “para matizar e suavizar”. No caso dos nenos retratados en senllas escenas de celebración na grada subliña que a intención foi toda a contraria, “neste caso non queríamos identificar a ningún en concreto porque representan a todos os nenos da escola, así que optei por darlle un trazo tipo cómic e, ao ser un espazo máis amplo e con gran perspectiva, funciona”, explica Lula, quen realiza en Condomínguez a súa primeira intervención nun espazo deportivo.

“Somos un club dedicado á formación e, precisamente, queremos reflectir con estes murais que ese é precisamente o noso espírito, traballar con nenos e que sexan felices xogando. Por iso eliximos dúas imaxes dos nosos nenos e as outras son grandes figuras das que estamos moi orgullosos porque, precisamente, pasaron a súa infancia na nosa escola”, explica Alejandro Villar, director deportivo na ED Val Miñor e adestrador do equipo xuvenil.

“Despois de ter que suspenderse a tempada drasticamente por mor do Covid-19, gústanos moito a idea de que os nenos poidan regresar a Condomínguez con esta sorpresa feita con todo o cariño polo seu club e polo Concello”, conclúe González.

Anuncios