Talaso Atlántico acollerá os días 24, 25 e 26 de outubro o I Foro Internacional da Auga de Mar e as Algas Mariñas. O encontro diríxese ao público xeral, alternando relatorios e actividades divulgativas con conferencias de carácter máis científico. Analizarase o potencial da auga de mar nas afeccións de pel, nos procesos de rehabilitación ou en terapias respiratorias. Así mesmo, o Foro contará coa presenza de responsables e expertos en talasoterapia de Italia, Francia e Portugal, ademais de investigadores da Universidade de Vigo. Analizaranse as propiedades farmacolóxicas das algas mariñas e a celebración de obradoiros de cociña con estes produtos.
Previamente, a organización xa puxo en marcha un concurso de cociña co alga mariña, como base, no que poden participar alumnos de escolas de hostalería. Nesta primeira fase, que xa se atopa aberta á participación, os concursantes deben enviar unha receita orixinal, fotos e un vídeo explicativo á dirección comercial@talasoatlantico.com, antes do 14 de xullo. De todas as receitas recibidas elixiranse seis que serán as que compitan o sábado, 26 de outubro, na final. O xurado estará composto polo xefe de cociña do restaurante de Talaso Atlántico, Javier Fins, así como outros chefs de destacado prestixio.
O I Foro Internacional da Auga de Mar e as Algas Mariñas está organizado por Talaso Atlántico, a Asociación Iberoamericana de Peloides Termais, a Facultade de Ciencias de Mar da Universidade de Vigo e a Sociedade Científico-Técnico Galega de Talasoterapia. Colaboran empresas e entidades como Algamar, Laboratorios Quinton, e a Sociedade Española de Talasoterapia.

