O V Tríatlon Atlántico obriga a pechar ao tráfico a PO-552 entre Baiona e Oia

O Concello de Baiona informa de que, con motivo da celebración do V Tríatlon Atlántico-Campionato Galego de Tríatlon Sen Drafting, que se celebrará este domingo día 2 de xuño, a estrada PO-552 permanecerá cortada ao tráfico rodado durante o segmento de ciclismo desde o PK 16,85 na Avda. Ramón y Cajal 15 ata o PK 26,9 situado no Cámping O Muíño de Oia, desde as 9:00 ata as 11:30 horas.

Desde as 9:00 ata as 13:30 horas, o tráfico estará restrinxido e controlado na estrada PO-552 entre o Parque da Palma e a Península de Santa Marta.

Recoméndanse as seguintes alternativas:
• Baiona-Vigo: Estrada PO-2202 pasando por Baíña en dirección Sabarís.
• Baiona-Oia-A Guarda: Estrada PO-2202 pasando ata Torroña. Desde Torroña, tomar a estrada PO-3202 ata enlazar con PO-552 dirección Oia-A Guarda.
• Baiona-Baredo-Rocamar: Estrada PO-2203 dirección Baredo.

Acceso restrinxido e controlado ao aparcadoiro da Palma e ao Parador

Desde as 9:00 ata as 13:30 horas o acceso para saír e entrar no aparcadoiro da Palma e no recinto amurallado do Parador estará restrinxido e controlado pola Policía Local, xa que nese período de tempo terá lugar o desenvolvemento das transicións e a carreira a pé por esa contorna.

Cambio de lugar da parada de taxis e das paradas de autobuses

Durante o período de corte de tráfico rodado, a parada de taxis estará situada na rúa Brasil, en fronte do Centro de Saúde dos Tendais, e as paradas de transporte público quedarán fixadas en Puga e na rotonda de subida á Virxe da Rocha.