Dúas enfermeiras de Vigo e Val Miñor demostran a efectividade do exercicio físico na deshabituación tabáquica

O exercicio físico é unha ferramenta fundamental na deshabituación tabáquica. Esta é a principal conclusión do proxecto de investigación realizado polas enfermeiras residentes de Atención Familiar e Comunitaria, Sara Macías e Nadia Rodríguez, dos centros de saúde de Pintor Colmeiro e Val Miñor, respectivamente.

Este traballo, “Taller grupal de deshabituación tabáquica combinado con actividade física”, vén de ser premiado no III premios de Investigación para residentes de Atención Primaria da área sanitaria de Vigo.

O obxectivo principal da investigación era cuantificar a efectividade dunha intervención combinando obradoiros grupais con exercicio físico para a deshabituación tabáquica. Outros obxectivos eran o cese do hábito tabáquico ou a redución do consumo de cigarrillos; aumentar o exercicio fisco e a calidade de vida dos pacientes do estudo; e empoderar aos pacientes para convertelos en axentes activos da súa propia saúde.

Así, estudaron a un grupo de 35 pacientes fumadores de ambos centros de saúde, 23 mulleres e 12 homes, cunha idade media de 57 anos. Segundo explica unha das autoras da investigación, Sara Macías “os resultados amosan a eficacia deste tipo de intervencións naqueles casos nos a adherencia ao programa foi total, xa que dos 14 pacientes que remataron o programa e completaron a totalidade das sesións, 13 conseguiron deixar de fumar”-.

Obradoiros e andainas

O programa, deseñado en colaboración co médico de familia Xulio Castañal, consistiu na realización de 8 sesións, nas que se combinan formación -pautas de vida saúdables- xunto coa realización de actividades grupais orientadas ao exercicio físico lixeiro, como as andainas.

“É importante a motivación dos pacientes e a súa participaron activa. Na primeira sesión avalíase se os participantes están concienciados para deixar de fumar, e neste caso, todo o grupo deixou de fumar o mesmo dia. Trátase de deixar a adición sociabilizando, de xeito que ao compartir un obxectivo común resulte máis fácil o esforzo a realizar“

Os resultados do estudo conclúen que o exercicio físico é unha estratexia útil para deixar de fumar; reduce o desexo de fumar e mellora o síntoma de abstinencia; produce un efecto protector contra algunhas das principais enfermidades que se observan nos grandes fumadores; estimula os mesmos centros de recompensa do cerebro que a nicotina; e distrae a persoa fumadora de sentimentos e pensamentos estresantes.

Comité de Abordaxe do Tabaquismo

A área sanitaria de Vigo sumase á conmemoración do Día mundial sen tabaco, que se celebra mañá, e aproveita para reiterar a súa campaña específica para informar aos cidadáns e profesionais da normativa en vigor sobre o tabaco nos recintos sanitarios. Trátase dunha campaña de concienciación na que apélase ao liderazgo exemplificador dos profesionais, pero tamén á responsabilidade colectiva de respectar as normas e facelas cumprir.

Neste contexto, vense de constituír un Comité especifico de Abordaxe do Tabaquismo, no que están representados unha decena de servizos clínicos e enfermaría. É un organismo asesor da Dirección coa finalidade de establecer medidas dirixidas a eliminar o consumo de tabaco nos centros sanitarios, e paralelamente propoñer e facilitar mecanismos de apoio para aquelas persoas que desexen abandonar o hábito tabáquico.

Un millar de pacientes en deshabituación

En xeral, a área sanitaria de Vigo segue os patróns do resto de Galicia. O 16% da poboación maior de 16 anos fuma diariamente, chegando a un 22,85% no grupo de idade entre 25 e 44 anos.

O tabaquismo é unha enfermidade crónica polo que a súa abordaxe precisa estratexias que vaian desde a prevención ata o tratamento e a rehabilitación. No Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (CHUVI) hai dúas Unidades de Tabaquismo, unha no Hospital Nicolás Peña e outra no Meixoeiro. Entre as dúas atenden a 1240 pacientes nos distintos programas e tratamentos de deshabituación tabáquica.

A isto hai que engadirlle as actuacións no ámbito da atención primaria, tantos as consultas específicas de tabaquismo habilitadas nalgúns centros de saúde, como a disposición dos profesionais sanitarios para ofrecer pautas a seguir ou aconsellar sobre as mellores maneiras de atallar o hábito.