Xornada sobre aspectos xurídicos que afectan a persoas con discapacidade no Centro Juan María

Este martes o Grupo S4 impartiu a xornada “Aspectos xurídicos de interese para familiares de alumnos e alumnas do Centro Juan María”, co obxectivo de informar e formar sobre temas que causan especial preocupación, como é o proceso de incapacidade e alternativas ao mesmo; a xestión do patrimonio protexido e as herdanzas e testamentos do alumnado. Tal e como indicou Rosa Hermida, Directora da Oficina de S4 en Gondomar, “desde o Grupo S4 somos conscientes da importancia de que as familias comprendan certos conceptos xurídicos para garantir a protección das persoas e o seu patrimonio, por iso realizamos unha xornada que, de maneira sinxela, disipe todas as dúbidas que poidan existir respecto diso e sirva de apoio para decisións presentes e futuras”.

A Xornada, que tivo lugar nas instalacións do propio centro, comezou ás 17:00 horas coa presentación de José Santoro, Presidente do Centro Juan María, quen explicou o formato da xornada e agradeceu o interese dos asistentes. Tras a súa intervención, cedeu a palabra a Eugenia Sánchez, Responsable do Dpto. de Consultoría Legal en S4, quen falou da incapacitación e das alternativas á mesma, facendo especial fincapé na figura do titor e a súa función á hora de garantir o benestar da/s persoa/s ao seu cargo. Tal e como indicou, “esta figura, designada por un xuíz, debe render contas unha vez ao ano sobre a súa actuación, que queda suxeita á vixilancia do Ministerio Fiscal”.

Pola súa banda, Iria Veloso, membro do Dpto. de Fiscal en S4 Asesores e Consultores, centrou a súa intervención en explicar a normativa relacionada coa protección do patrimonio protexido das persoas con discapacidade e na importancia de comprender todos os aspectos para “favorecer a constitución de fondos patrimoniais vinculados á satisfacción das súas necesidades vitais e o goce dos beneficios fiscais que poidan aplicarse”. Ademais destes aspectos, explicáronse os dereitos e deberes no proceso de herdanzas e testamentos, así como subvencións e axudas fiscais.

Finalmente, resolvéronse todas as dúbidas expostas por parte dos familiares e titores asistentes, moitas delas expostas desde a propia experiencia.

2019-05-29 - Foto 1