Adrián Álvarez, do Cova Terreña, premiado pola súa cantiga sobre a protección de datos

Adrián Álvarez Santos, alumno de 4º de ESO B do CPI Cova Terreña de Baiona, resultou gañador do III Concurso Literario Infantil e Xuvenil sobre a protección de datos convocado polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional con motivo do Día Europeo da Protección de Datos. O baionés gañou na categoría 3º-4º ESO co seu traballo “O mellor trobador do mundo, unha cantiga sobre a protección de datos”.

O acto de entrega do premio, que consistiu nunha tablet para o autor e un kit de robótica para o centro, que foi recoñecido ex-aequo xunto co Colexio Guillelme Brown (O Pereiro de Aguiar, Ourense) como centros con maior participación, tivo lugar este mércores no Salón de Actos do Cova Terreña coa presenza do secretario do Colexio Profesional de Enxeñaría Informática, Juan José González Cid, o concelleiro de Educación, Policarpo Vilar, a directora do centro, Isabel Martínez Cabaleiro, e familiares e compañeiros do gañador.

O obxectivo do certame é que a sociedade galega tome conciencia da necesidade de incorporarse á cultura da protección de datos, nomeadamente os menores de idade. Consideran que actualmente cómpre promover o coñecemento entre a cidadanía sobre cales son os seus dereitos e responsabilidades en materia de protección de datos. Os estudantes podían presentar diversos xéneros literarios como o artigo xornalístico, exposición divulgativa (entrada de blogue ou artigo de divulgación), conto ou relato curto, todos obras inéditas escritas en lingua galega. Estes traballos debían responder a preguntas como “Que é para ti a protección de datos, como afecta no teu día a día?, como podo protexer os meus datos?”.

Na primeira edición participaron 40 escolares de toda Galicia. Os gañadores foron na categoría de 1º- 2º da ESO Eva Riveiro Formoso co traballo “oinc”, que cursaba naquel momento segundo da ESO no Colexio Compañía de María de Santiago de Compostela; e na categoría 3º- 4º ESO resultou premiado Gustavo López Leyenda co traballo “PISOTE”, cursando o pasado ano 4º da ESO no CPI de Cova Terreña de Baiona. Ademais, recibiu o recoñecemento especial o Colexio Compañía de María de Santiago de Compostela. Na segunda edición, celebrada en 2018, recibiron os premios Paula Ledo de 6º de Primaria do CEIP Virxe da Pena da Sela de O Irixo (Ourense) co traballo “O perigo das redes sociais”; na categoría do primeiro ciclo de Secundaria gañou o premio Sara Álvarez, alumna de 2º da ESO do IES O Couto de Ourense, co traballo “Peket”; e na categoría do segundo ciclo de Secundaria fíxose coa vitoria Carlos López, alumno de 4º da ESO do CPI de Cova Terreña en Baiona, co traballo “Xosé Manuel Agudo”.

CANTIGA SOBRE A PROTECCIÓN DE DATOS

Anuncios