Sin categoría

“Continuarei traballando da mesma maneira”

A pesar de que non tivo un éxito tan irresistible como o vivido en Nigrán, os de Ferreira lograron máis do dobre de concelleiros que os obtidos en 2015, pasando de tan só catro a un total de nove.

O alcalde pola súa banda entende a vitoria do pasado domingo como “un premio por estes catro anos de traballo” e admitiu que o último tramo de mandato “foi moi duro” ao acabar con tan só catro edís á fronte das concellerías. O rexedor en funcións adiantou que a maioría absoluta permitiralle dar saída a varias materias pendentes como o desenvolvemento urbanístico da Pasaxe, o Plan Xeral de Ordenación Municipal ou os orzamentos locais, entre outros. “Faremos de Gondomar unha zona saudable para vivir e chegaremos á totalidade das parroquias solucionando problemas eternos como o do saneamento”, engadiu Ferreira.

A amálgama de partidos que conforman a Corporación en Gondomar apenas difire da de 2015 aínda que si moi diferente desde o punto de vista da configuración por edís. Desta maneira reduciuse nun grupo pasando de seis en 2015 a cinco coa desaparición de CABE e a posta en escena de Cs liderado por Manuel Gómez (ex IxG). En canto á estrepitosa caída de Gondomar Concello Aberto, Ferreira mantén que “se equivocaron ao deixar o goberno” ao entender que sería máis produtiva manter a coalición rota por Paulinho del Río aos poucos meses de formala. En canto á posición adoptada por Manifesto Miñor, o rexedor continuou cun discurso moi parecido ao anterior no que ademais matizou que “estiveron lonxe de axudar” aínda que o transcurso dos acontecementos acabaron demostrando que “o tempo nos deu a razón”. Xa para finalizar o alcalde engadiu que de aquí a 2023 continuará traballando da mesma maneira que ata o momento e “a miña axenda segue igual”.