
A candidatura do Partido Socialista, liderada por Juan A. González, rompeu a tendencia e revalida a alcaldía de Nigrán cun resultado histórico. A formación gañou as eleccións deste domingo coa confianza de 6.049 veciños e veciñas, 2.638 máis que en 2015, o que se traduce na consecución de 13 concelleiros, practicamente o dobre dos que contaba ata agora.
González valorou os resultados obtidos como “espectaculares”. “Tiñamos boas expectativas, moi boas sensacións da xente, non durante a campaña senón durante os catro anos, creo que unha relación case ideal, pero nunca puidemos imaxinar chegar a un resultado como este, é unha sorpresa agradable, moi emocionante, e nada, mañá hai que volver traballar e seguir”.
Na corporación municipal tan só haberá un partido na oposición, o Partido Popular. A lista encabezada por Carlos Abal fíxose cos 4 concelleiros restantes -2 menos que na actual lexislatura-, con 1.951 votos, 1.007 menos que nos comicios do 2015. UCN, Nigrán Decide, Cidadáns, BNG, Manifesto Miñor-En Marea e ADCG non conseguiron ningunha representación.
En Nigrán votaron 9.769 veciños e veciñas, un 66,66% -61,27% en 2015-. Os votos en branco foron 77 e os nulos 70.