Quads para todos en Baiona

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // I Solidariquad.

Un centenar de mozos e mozas con diferentes discapacidades físicas e psíquicas de 13 entidades do sur da provincia de Pontevedra participaron este sábado no I Solidariquad, unha iniciativa da Asociación de Veciños Castro e Ladeira de Sabarís e Galaicosquad Val Miñor, contando coa colaboración das Comunidades de Montes de Santa Cristina da Ramallosa e Baíña, a Deputación de Pontevedra e o Concello de Baiona.

Trátase dun evento co único obxectivo de achegar o mundo do quad ás persoas discapacitadas. Ao longo da mañá, os rapaces e rapazas do Centro Juan María, San Rafael, Cogami, San Xerome, Apamp, Alento, Aspanaex, Amencer, San Francisco, Vontade, Esclavas de Mos, Fundación Menela e Andaina de Redondela gozaron dun roteiro en quad de 4 quilómetros, con saída no encoro de Baíña, e pasando por pistas de Baíña e Santa Cristina da Ramallosa.

Xa pola tarde, despois dunha comida de convivencia no Centro Cultural de Baíña, entregáronse agasallos a todos os participantes, que a continuación puideron gozar das actuacións do pallaso Popin, o humorista Fredi Crujer e o grupo de gaitas do Centro Cultural “A Merced” de Chaín. Para a celebración do evento contouse cun total de 13 quads, 1 bugui e 1 todoterreo cos seus respectivos pilotos.

El pase de diapositivas requiere JavaScript.