UCN denuncia que o goberno socialista deixa case 500.000 € de facturas pendentes de pago e sen recoñecer

O portavoz da formación independente Unión Centrista de Nigrán (UCN), Antonio Fernández, denuncia que o goberno local ten facturas achantadas no caixón pendentes de pago e sen recoñecer por importe próximo aos 500.000 €, «e que se corresponden con diversas subministracións, obras e servizos realizados, subvencións encubertas de diverso tipo, así como actuacións de bandas e grupos musicais, expondo un serio problema a autónomos, empresas e colectivos que levan -nalgúns casos- case un ano esperando para cobrar, mentres o alcalde segue malgastando á desesperada e sen pagar os pufos pendentes».

UCN advirte que son gastos comprometidos e que non dispoñen de consignación orzamentaria, polo que terá que ser a nova Corporación quen os asuma levados a cabo polo actual goberno en minoría, «sen control de ningún tipo nin fiscalización dos servizos económicos -burlando unha vez máis a lei-, e serán os veciños de Nigrán desgraciadamente os que terán que pagar unha campaña electoral do PSOE encuberta, ao pretender facer nun mes o que non fixeron nos catro anos de lexislatura, coa finalidade de querer engatusar aos veciños para rabuñar un puñado de votos».

UCN reprocha que o alcalde e candidato socialista Juan González, que coa mesma alegría que propón grandes proxectos de novos investimentos durante a campaña electoral, faio coa mesma facilidade para deixalos no esquecemento, tal e como sucedeu ao longo da lexislatura que unicamente foi capaz de investir escasamente o 28% dos investimentos proxectados nos orzamentos municipais, «polo que resultan pouco cribles os seus anuncios propagandísticos de campaña electoral».

UCN denuncia tamén que aínda ten sen render as contas do exercicio 2018, incumprindo unha vez máis os prazos establecidos na Lei de Facendas Locais, que terían que estar aprobadas no mes de marzo, «pero o alcalde é un campión en saltarse as normas ao seu antollo, pois o ano pasado presentounas con case un ano de atraso, motivo polo cal se perderon varias subvencións da Xunta, á parte de demostrar unha certa opacidade e falta de transparencia na xestión económica, que evidencia pouca capacidade de xestión, e quizá queira ocultar que novamente se incumpra a Regra de Gasto, e ter que aprobar un Plan de saneamento económico-financeiro para os dous próximos exercicios, unha boa herdanza para a nova Corporación», conclúe Fernández Comesaña.

Anuncios