UCN aposta pola construción dunha residencia pública e un centro de día

O candidato da formación independente Unión Centrista de Nigrán (UCN), Antonio Fernández Comesaña, continúa coa presentación porta a porta das súas propostas en materia de servizos sociais para Nigrán, apostando pola construción dunha residencia pública e centro de día para os nosos maiores, así como acabar coa lista de espera no servizo de axuda a domicilio a dependentes.

SERVIZOS SOCIAIS E BENESTAR SOCIAL:

-Impulsaremos o expediente de cesión do antigo ambulatorio de Panxón, e que o actual goberno local incomprensiblemente mantén paralizado nun caixón desde fai máis de tres anos, para poder destinalo canto antes como Centro de Día.

Tamén construiremos unha residencia pública para os nosos maiores e en terreos municipais mediante o procedemento de concesión administrativa, co obxectivo de poder ofertar uns prezos alcanzables aos veciños con poucos recursos económicos, e que non teñan que optar a unha praza lonxe dos seus familiares –como sucede actualmente-, cos problemas de illamento e dificultades que comporta para as familias.

-Ampliaremos tamén o servizo de axuda a domicilio aos dependentes que teñan recoñecido o dereito e evitar as listas de espera, como sucede na actualidade, de maneira que desde os servizos sociais déase unha resposta áxil ás demandas e necesidades expostas polos cidadáns que acoden na maioría dos casos en situación de extrema vulnerabilidade.

“UCN pide o voto o próximo 26 de maio para cambiar as cousas e se nos dan a confianza, seguiremos traballando con honestidade e honradez como ata agora, recuperando a ilusión e o tempo perdido nestes catro anos de goberno socialista, e traballaremos para que Nigrán recupere o prestixio perdido, avanzando na modernidade, o progreso e o benestar dos veciños”, conclúe Antonio Fernández, candidato de UCN.

Anuncios