
O alcalde socialista de Nigrán e cabeza de lista ás eleccións municipais do 26 de maio, Juan González, comprometeu no seu encontro cos veciños de Chandebrito e Parada a aprobación do PXOM no vindeiro mandato, o que permitirá o crecemento ordenado de todo o municipio e, particularmente en Chandebrito, poñerá fin a moitos dos problemas urbanísticos dos seus veciños.
«Non me gusta dar datas concretas porque sería moi aventurado, pero o documento está nunha fase moi avanzada que permite garantir con toda seguridade a súa aprobación no seguinte mandato, solucionando así moitos problemas para os veciños do rural», insistiu González, quen recalcou que «o PXOM é un documento que debe estar consensuado entre toda a corporación, non só entre a maioría».
No seu encontro matinal en Chandebrito o rexedor avanzou que apostan por completar a humanización do barrio da Igrexa empedrando todo ese núcleo ou por musealizar o Castro de Chandebrito, escavación que será realizada nesta última fase grazas a 30.000 euros que financia o Concello. «Chandebrito rexurdiu das cinzas para ser recoñecido como un novo espazo verde e de gran interés patrimonial e etnográfico, Nigrán ten nesta contorna e no seu Castro un tesouro que agora será descuberto», asegurou. Nesta liña, incidiu na creación do parque forestal Os Matos-Río Táboas, ao que se terá acceso directo dende As Rozadas, e adiantou a súa aposta para crear un novo en Sanomedio (entre Camos e Chandebrito. «Todo traballando sempre conxuntamente coas comunidades de Montes e Veciños».
Pola súa banda, no encontro cos veciños de Parada, González prometeu completar o saneamento e abastecemento tras catro anos nos que se achegou a rede municipal de auga a Carrasca, Nandín e Con, quedando pendente para esta segunda fase Laxe, Tinde, Cabaleiros, Igrexa ou Camiño da Pousa. Ademais, nos vindeiros meses arrancarán as obras para humanizar a Praza da Carrasca e no novo espazo pegado ao cemiterio o goberno socialista expón crear unha zona deportiva. Igualmente, o alcalde mantivo a súa aposta de colaboración co Centro Juan María, ubicado na parroquia, polo que ratificou o seu compromiso cos seus usuarios e con toda a comunidade educativa «na busca dese Nigrán para todos que cre e promove de verdade a plena inclusión con políticas ao efecto». Dende o punto de vista da infraestrutura, González avanzou a creación dunha senda peonil segura de acceso ao centro (anteriormente creouse unha zona de aparcamento ou se levou o abastecemento público).
Tanto en Chandebrito coma en Parada o rexedor ratificou o seu compromiso de continuar negociando coas teleoperadoras para que leven a fibra óptica, sustituír toda a iluminación por LED, crear un plan de asfaltados para intervir en máis camiños en mal estado ou completar o saneamento e abastecemento.