Os Populares de Nigrán congregan a máis de 500 persoas no seu acto central de campaña

Máis de 500 persoas déronse cita hoxe no pavillón da Comisión de Festas de San Roque, en Camos, para celebrar a tradicional churrascada popular do Partido Popular de Nigrán, facendo do acto central de campaña un éxito rotundo, “demostrando que o Partido Popular de Nigrán está máis vivo que nunca”, sinalou o candidato popular á Alcaldía, Carlos Abal.

Ademais de por máis de medio milleiro de veciños, o candidato popular contou co respaldo do Presidente do PPdG, Alberto Núñez Feijóo, e do PP nacional, Pablo Casado, que se uniron á cita dos populares e gozaron da churrascada, xunto a outras personalidades como Ana Pastor, Alfonso Rueda, Jesús Vázquez Almuiña, Teresa Pedrosa ou Corina Porro, entre outros.

Na súa intervención, o candidato á Alcaldía do PP lembrou a forza destas siglas no municipio. “En 15 dos 21 últimos comicios, o PP gañou nas urnas”, e pediu aos asistentes a súa confianza para poñer en marcha a súa proposta de goberno para Nigrán, “con 14 plans que volverán poñer ao noso municipio na senda do crecemento sustentable e o desenvolvemento”, engadiu.

Pola súa banda, o presidente do PP de Galicia fixo un chamamento á unidade do voto, aludindo nesta ocasión aos resultados das últimas eleccións xerais. “Se sumamos os votos do centro dereita en Nigrán o PP obtería o vindeiro domingo a maioría absoluta, co 45% dos votos”, apuntou, pedindo unha vez máis a confianza dos veciños na proposta e o equipo do candidato popular, Carlos Abal.