
A primeira etapa do 53 Rallye Recalvi Rías Baixas deparou máis sorpresas das esperadas e unha bonita loita entre Ricardo Costa e Óscar Palacio. O portugués marcou o mellor tempo na primeira pasada polo tramo urbano Vigo-Castro. Percorreu os 2,27 quilómetros desta especial en 1:42.368, dúas décimas máis rápido que Alberto Meira, que foi segundo, e algo máis dun segundo con respecto a Óscar Palacio. Pero na segunda pasada a punto estivo de perder ese liderado provisional porque foi o campión asturiano o que fixo o scratch. Palacio pulverizou a marca de Costa (1:40.919) pero non puido arrebatarlle o primeiro posto provisional, quedándose a tres décimas do portugués. O terceiro posto, tras a disputa desta dobre especial, é para Alberto Meira, a 1 segundo do líder.
A sorpresa desta primeira xornada chegou da man de Víctor Senra. Na primeira pasada o líder provisional do campionato e vixente campión galego deixouse once segundos na zona de terra deste tramo con respecto ao máis rápido, e 1:42 segundos na repetición, polo que arrancará a segunda etapa cunha desvantaxe de 12.579 segundos con respecto ao líder, Ricardo Costa.
Vigo envórcase co “Rías”
Vigo non defraudou, e como xa sucedera nas edicións 48 e 49 do Rallye Rías Baixas, miles de afeccionados acudiron ao Monte de O Castro para seguir a pé de tramo as evolucións dos 150 equipos que finalmente tomaron a saída. Tampouco se quixeron perder a cita varios xogadores do Real Club Celta, caso de Iago Aspas e Brais Méndez que mesmo tiveron a oportunidade de dar unha pasada polo tramo en vehículos de rúa. O presidente do Real Club Celta Fernando Mouriño, o alcalde de Vigo Abel Caballero, o concelleiro de deportes Manel Fernández, o delegado da Zona Franca en Vigo, David Regades, e o piloto asturiano “Cohete” Suárez, entre outras personalidades, tamén se deixaron ver por O Castro.
E este sábado, empeza o serio
O 53 Rallye Rías Baixas terá a súa continuación este sábado nunha etapa, con tres tramos a tres pasadas, que se presenta apaixonante. A competición arrancará ás 08.14 horas no Tramo Vigo-Alba-Nigrán, de 11,52 quilómetros. Unha hora despois, darase a saída á cronometrada Gondomar-Porriño (11,53km) e contorna ás 10 horas, os primeiros da lista de inscritos tomarán a saída no tramo de Salceda (12,12 km.).
Completado o primeiro bucle, os equipos dirixiranse ao centro de Porriño para permanecer agrupados durante media hora. O segundo bucle arrancará ás 13.10 horas no Alba. Polo tramo Gondomar–Porriño pasarán a partir das 14.08 horas e polo de Salceda, desde as 14.56 horas. Como na primeira sección, antes de dirixirse aos parques de asistencia de Samil os vehículos volverán a reagruparse na Praza do Concello da Vila do Louro.
O terceiro e último bucle arrancará ás 18.06 horas e pasadas as 21.00 horas chegará ao Parque Pechado de Samil o primeiro equipo en cubrir os 110,05 quilómetros cronometrados. Media hora despois terá lugar a cerimonia de podio, onde se renderá homenaxe aos tres primeiros clasificados; equipos que posteriormente comparecerán en rolda de prensa.