O PSOE compromete en Camos a creación dun espazo deportivo e axudas ás comunidades de augas

O alcalde socialista de Nigrán e cabeza de lista ás eleccións municipais do 26 de maio, Juan González, comprometeu onte no seu encontro cos veciños de Camos a creación dun espazo deportivo onde está o actual campo de fútbol de A Camoesa, cuestión demandada polos propios veciños, así como unha liña de axudas ás comunidades de augas da parroquia mentres non se completa a rede de abastecemento municipal.

Neste sentido, compre destacar que o actual goberno local foi o primeiro en achegar o abastecemento a Camos a través da rúa San Roque, onde os veciños xa poden dende hai meses solicitar a conexión. Agora, no programa electoral dos socialistas, inclúese ampliar esta rede aos diferentes barrios dende San Roque (O Carballal, A Cruz, A Levada, Rotea…) e, mentres tanto, establecer un plan de axudas para todas as comunidades de augas. “Sería mentir dicir que o abastecemento poderá chegar a tódalas casas en dous anos porque nese tempo non é factible, por iso mentres tanto promoveremos un plan específico de axudas ás comunidades de augas porque somos conscientes da precariedade na que se atopan”, subliña González. O actual rexedor tamén aposta por rematar todo o saneamento na parroquia empezando por emprender obras en Campogrande, Carousa e Tombo.

Por outra banda, comprometeu a creación dun espazo deportivo na zona do actual campo de fútbol da Asociación Cultural A Camoesa, tal e como foi demandando dende a propia Asociación de Veciños e Comunidade de Montes, que xa realizou a cesión dos terreos ao Concello con este fin. Nestas instalacións incluirase un campo de fútbol-7, sendo esta a gran prioridade. “A actual cancha está totalmente infrautilizada e os veciños nos trasladaron esta petición que, ademais, beneficiará por riba de todo aos máis pequenos, así que estamos comprometidos ao cen por cen para levala adiante”, incide González.

A parroquia de Camos, xunto a de Chandebrito, foi a que máis sufriu os incendios e, consecuentemente, o alcalde ratificou a aposta decidida do seu goberno para crear un gran parque forestal nos Matos-Río Táboas, proxecto xa elaborado e que foi posible grazas ás Comunidades de Montes de Camos e Chandebrito, que cederon os terreos ao Concello con este fin. O obxectivo é poñelo en marcha neste vindeiro mandato e, paralelamente, iniciar a creación dun novo en Sanomedio (Camos e Chandebrito) tamén en terreos das comunidades. “Non só servirá de anel protector de cara ao lume, se non que porá en valor toda a nosa contorna sendo o primeiro parque forestal da comarca”, recalca González, quen agradece o bo traballo de ambas comunidades a prol do medio ambiente e dun novo xeito de contemplar os recursos forestais.

No encontro, ademais de expor outras propostas, González debuxou as actuacións realizadas durante estes catro últimos anos, entre as que destacou a rehabilitación de todo o espazo infantil de Balifra, incluída a casa dos mestres antes inutilizada, que foi cedida para programa de respiro familiar e convivencia do Centro Juan María; ou a creación doutro parque en San Roque, construción dun muro de contención no cemiterio, diferentes asfaltados, fin da humanización da rúa San Roque…

Anuncios