
A candidata do BNG á alcaldía de Gondomar, Manuela Rodríguez, e a deputada do BNG no Parlamento Galego, Montse Prado, presentaron esta mañá en Gondomar unha iniciativa parlamentar relativa á dotación de persoal e aos servizos que se van prestar no novo centro de saúde de Gondomar.
Recentemente anunciábase en prensa que o novo centro de saúde de Gondomar vai abrir as súas portas no verán despois de catro anos en construción. Unha instalación sanitaria que foi obxecto de redución respecto da súa dimensión inicial polo PP e a súa política de recortes, o que provoca que se inaugure xa con prestacións insuficientes para a poboación que debe atender segundo os nacionalistas.
«Na nova aparecida nos medios de comunicación, recóllese que ese novo centro de saúde contará con seis consultas de medicina de familia e unha de pediatría, as mesmas que na actualidade e que son claramente insuficientes. Mais no caso da atención pediátrica é especialmente negativo o feito de que vaia haber unha soa consulta de pediatría e que, según poidemos saber, atenderá nunha soa quenda de mañá. O que significaría manter a situación actual de exceso de cupo que xa ten obrigado ás familias de novas crianzas a ter consulta de pediatría noutros concellos do Val Miñor», sinalan desde o BNG.
Por outro lado, os nacionalistas preguntan ao SERGAS que hai de certo en que se pretende centralizar as consultas de pediatría dos concellos de Baiona, Gondomar e Nigrán no PAC Val Miñor (A Xunqueira). E de ser certa esa pretensión, se é consciente dos prexuízos que lle causaría ás familias o se ter que desprazar desde os seus respectivos concellos até ese PAC.
Polo anteriormente exposto, o BNG presenta unha proposición non de lei para instar ao Goberno galego a:
1.- Que proceda a substituír ao persoal do Centro de Saúde de Gondomar, tanto nas súas licenzas como vacacións.
2.- Aumentar o cadro de persoal do Centro de Saúde de Gondomar (medicina de familia, matrona, enfermería..) co número de profesionais precisos para poder prestar unha atención sanitaria de calidade á súa poboación de referencia.
3.- Dotar ao Centro de Saúde de Gondomar dunha nova praza de atención pediátrica en horario de tarde para desconxestionar o cupo de mañá e contribuír á conciliación laboral e familiar.