Baiona celebra o Día Mundial da Reciclaxe cunha campaña de concienciación a escolares

Con motivo do Día Mundial da Reciclaxe, que se celebra o 17 de maio, esta semana o Concello de Baiona, dende a Concellería de Medio Ambiente en colaboración coa empresa concesionaria da recollida selectiva dos residuos e a xestión do punto limpo, FCC (Fomento de Construccións e Contratas), veñen organizando diversas actividades en varios centros de ensino, no día de hoxe no CEIP de Belesar.

As actividades irán destinadas a alumnos de primaria, cos cales unha educadora medioambiental interactuará de maneira lúdica con eles/as mediante obradoiros, xogos, etc. para concienciar en materia de redución e separación de residuos, compostaxe orgánica, así como no papel de cada un na protección do medio ambiente para contribuír na conservación do planeta.

O significado da reciclaxe é tomar conciencia do efecto da produción de residuos no medioambiente polo que é moi importante dende cativos que nos ensinen a reciclar, xestionar os residuos e facer un consumo responsable dos recursos nas nosas casas.