Manifesto Miñor – En Marea Nigrán pide unha maior colaboración cos centros culturais

Manifesto Miñor-En Marea defende o carácter de servizo público dos centros culturais e o tecido asociativo en Nigrán. “Estas organizacións actúan de facto como apéndices dunha Concellería de Cultura que é inexistente no Concello de Nigrán. Este tipo de organizacións actúan de forma desinteresada para tratar de vertebrar unha oferta que xere cultura, arraigo e actividade para os veciños, especialmente nas zonas do rural, sempre máis esquecidas”, sinala Jesús Recouso, candidato á alcaldía.

Por parte de Manifesto Miñor-En Marea denuncian as constantes trabas á hora de tramitar subvencións e realizar calquera tipo de trámites derivados dunha Administración pouco flexible que xera ineficacia e perda de tempo e esforzos a colectivos que traballan para o benestar veciñal.

Por este motivo, Manifesto Miñor-En Marea propón simplificar os requisitos esixidos a estes entes á hora de realizar trámites coa Administración e a creación dunha figura que traballe en relación directa cos centros culturais e asociacións para asesorarlles na tramitación de solicitudes e evitar a perda de tempo innecesaria das directivas para que estas podan centrarse na súa oferta cultural.

Manifesto Miñor-En Marea considera que deste xeito facilitaríase a labor indispensable do tecido asociativo e permitiría ampliar a oferta cultural de Nigrán.