Escolares do CEIP Neira Vilas percorren o litoral de Nigrán guiados por Valmiemprega

A especialidade de promoción turística do Obradoiro de Emprego “Valmiemprega III” realizou, o día de onte, unha visita guiada cos 45 alumnos pertencentes aos cursos de 5º e 6º de primaria do CEIP Neira Vilas de Peitieiros. A ruta denominada «Un mar de area, un mar de sentidos», levouse a cabo facendo un percorrido interpretativo que comezou no ENIL Ecosistema dunar Praia América-Panxón, onde se fixo unha parada para observar o proceso de rexeneración das antigas Dunas de Gaifar. O percorrido, a carón de Praia América, consistiu na observación da baía de Baiona e todas as súas características xeográficas, os seus límites, cabos, etc…

O alumnado tivo ocasión de coñecer algo máis sobre a historia do turismo nesta zona e da figura de Manuel Lemos, precursor das primeiras edificacións de Praia América, e saber máis sobre a peculiar casa coñecida como Torre Quirosno. O itinerario completouse cunha volta arredor de Montelourido e as súas fermosas panorámicas sobre a baía, a observación de Baiona, o Illote da Garza ou as Illas Estelas. Finalizou o itinerario na Foz do Miñor, espazo protexido dentro da Rede Natura, importante polos seus valores ecolóxicos e por ser unha especial zona de observación ornitolóxica.