Ribera Povisa comeza a impartir clases de primeiros auxilios a escolares da área de Vigo

Ribera Povisa comezou a impartir desde esta semana unha serie de obradoiros de Reanimación Cardiopulmonar (RCP) e primeiros auxilios en colexios e institutos da área de Vigo para instruír aos escolares sobre como actuar ante unha emerxencia. Ata o momento, máis de 900 nenos de entre 6 e 16 anos recibiron xa formación. “En calquera ámbito comunitario pode haber un signo de gravidade que non identifiquemos, mesmo na nosa casa, e o feito de que alguén coñeza ben unha técnica ou reaccione adecuadamente cunha chamada salva vidas”, asegura Cristina Serra, directora de Enfermería do hospital.

Esta última semana, a directora asistencial de Ribera Povisa, Sonsoles Leal, xunto a Cristina Serra e outros profesionais do hospital, desprazáronse a O Castro British School e a Jesuitinas Miralba para ensinar aos estudantes coñecementos teóricos e prácticos sobre RCP, así como o protocolo de actuación en caso de atragoamento, a coñecida como Manobra de Heimlich.

No caso dos máis pequenos, explica Cristina Serra, a formación adopta un ton lúdico. “Pedímoslles que veñan co seu boneco favorito e emociónanse moito ao poder salvar a vida do seu peluche”, explica a directora de Enfermería de Ribera Povisa. Nas próximas semanas, continuarán cos obradoiros noutros colexios e institutos da área, ademais de ampliar a formación a outras asociacións interesadas.