Carlos Abal inicia a campaña electoral no CEIP Carlos Casares

O candidato popular á Alcaldía de Nigrán, Carlos Abal, iniciou a campaña electoral no CEIP Carlos Casares, en Vilariño, acompañado polos dez primeiros integrantes da súa candidatura. No acto, que incluíu a proxección dun vídeo resumen dos 14 plans que integran a súa Proposta de Goberno para Nigrán, abordou os principais problemas que padecen Nigrán e os seus veciños “como consecuencia da incapacidade de xestión do actual alcalde”, como a perda das bandeiras azuis e “as nefastas consecuencias que terá para a actividade turística e hostaleira”, a opacidade da administración local de Juan A. González e a situación económica do concello, “cun remanente de tesourería de 7 millóns de euros sen tocar pola incapacidade de xestión do candidato socialista”.

Propostas de goberno

Entre as súas propostas de goberno, o candidato popular reiterou o seu compromiso de poñer a Administración Local ao dispor dos veciños, coa posta en marcha do Plan PRETO e a necesidade de impulsar definitivamente a aprobación do PXOM, “dotándolle do orzamento necesario e a seguridade xurídica suficiente para que Nigrán teña dunha vez por todas unha ordenación urbanística adecuada, sustentable e responsable”, sinalou Carlos Abal.

A creación dunha gardería concertada en Porto do Molle e dunha Residencia para Maiores son dúas das grandes propostas dos Populares para as eleccións do próximo 26 de maio, ás que hai que sumar a reconversión do Centro de Saúde de Panxón nun Centro de Día para os maiores.

A potenciación do turismo e a dinamización do emprego e a actividade económica e comercial é outro dos alicerces das propostas de goberno dos populares. “Non podemos condenar a Nigrán a outros 4 anos de deterioración e abandono, temos que recuperar a imaxe e o potencial do noso municipio, queremos volver sentirnos orgullosos de ser e vivir en Nigrán”, sinalou o candidato.

Propostas para San Pedro

En relación a San Pedro en particular, o candidato natural desta parroquia, apuntou a necesidade de revitalizar a Praza de Abastos da Ramallosa, a procura de solucións de aparcamento para residentes, comerciantes e clientes ou o estudo de alternativas para os contedores nesta zona da parroquia. Arranxar o firme da rúa Ana Isabel Costas, que vai de San Pedro á Xunqueira, a canalización de pluviais na rúa da Igrexa e a posta en marcha dun Plan de Mantemento e Limpeza de Camiños que permita ter os viarios despexados e limpos todo o ano e a ampliación da fibra a óptica a todo o municipio foron outras das propostas expostas por Carlos Abal aos veciños de San Pedro.