A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional publica hoxe na plataforma de Contratos Públicos de Galicia a licitación das obras de rehabilitación integral do CPI de Cova Terreña (Baiona). As obras realizaranse a través do anticipo de tesourería aprobado no Consello da Xunta para axilizar a licitación das obras con cargo ao superávit de 2018. Os traballos comezarán a executarse a mediados do mes de xullo.
No CPI de Cova Terreña, cuxa rehabilitación integral conta cun orzamento de 1.266.258,67 euros, acometerase o illamento de fachada polo exterior mediante sistema SATE e colocarase panel sándwich e illamento térmico na cuberta. Tamén se mudarán as fiestras por unhas novas de carpintería de aluminio con rotura de ponte térmico e vidro dobre baixo emisivo e instalaranse novas luminarias de alta eficiencia enerxética. Todas estas medidas combinadas suporán un aforro do 46,40 % no consumo de enerxía primaria non renovable e do 50,0 % en emisións de CO2.
As obras programadas contemplan asemade a creación de novos espazos para despachos e departamentos, a reforma de aseos no edificio de Educación Infantil para adaptalos a persoas con mobilidade reducida, a colocación de falso teito acústico nas aulas que carecen del, o pulido do pavimento de terrazo e outras reformas funcionais.

