Os oito candidatos á alcaldía de Baiona propoñen a celebración dun debate electoral

Nun comunicado conxunto de todos os partidos políticos que se presentan en Baiona ás Eleccións Locais do 26 de maio os oito candidatos á alcaldía afirman que “estariamos dispostos, como xa se realizou en pasadas eleccións, á celebración dun debate público”, considerando que debería ser organizado por algunha das asociacións independentes inscritas no municipio.

A este posible debate asistirían os número 1 de cada partido, Carlos Gómez polo PSdeG-PSOE, Iago Pereira polo BNG, Ángel Rodal polo PP, Adolfo Valverde por Cidadáns, Antonio Espinar por Manifesto Miñor-En Marea, José Ramón Estévez por Unidas Podemos-Son En Común, Carlos de la Peña por Nós Baiona e María Iglesias por Vox.

Así mesmo sinalan que estarían de acordo na súa retransmisión vía streaming, preferindo a intervención de dous moderadores profesionais, a poder ser en paridade. “Por tanto, queda publicamente anunciada esta invitación para as posibles asociacións independentes de Baiona que poidan estar interesadas”, conclúe o comunicado.