ExpoTuronio contaxia a felicidade na súa segunda edición

Despois do éxito acadado por ExpoTuronio en 2018, o IES Terra de Turonio de Gondomar celebrou a segunda edición da feira o martes 30 de abril nas instalacións do centro educativo. “Contaxiar a felicidade é o que realmente importa” foi o lema escollido para esta nova edición na que a feira mostrou toda as actividades e proxectos que se desenvolven no centro en cada ámbito do coñecemento.

En Radio Turonio foron entrevistados diferentes convidados que asistiron á feira. Abría a programación a experta en permacultura Edite Uhía, quen explicou como contribuír ao desenvolvemento sostible. A bióloga da Universidade de Vigo do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal, Rosa Rojas, falou sobre os problemas que está a causar a vespa velutina. O ex alumno Ezequiel Salgueiro, piloto de rallies, foi un dos atractivos nos estudios de radio. O atleta Francisco Álvarez, especialista en salto de altura, tamén relatou os seus logros durante a súa carreira deportiva. Fátima Granja achegou a realidade do teatro afeccionado en Gondomar. Unha visita que espertou a atención foi a de Sabela Brito, nai dunha alumna do centro e de Salsburgo (Austria) e que leva 15 anos en Gondomar. Sabela contou como na súa casa emprega o alemán e o galego. Dixo que fala habitualmente en galego porque é a lingua que emprega cos fillos.

Os stands dos diferentes ámbitos do coñecemento dispersáronse por todo o recinto interior e exterior do centro con actividades deportivas como o rocódromo, gastronómicas como un posto de froita fresca, científicas con microscopios instalados no exterior e tamén cun posto sobre o mundo das abellas.

Baixo títulos como “Be happy”, “Descobre o mundo da felicidade”, “A lingua na contorna”, “Posadoiro”, “A compostaxe”, “Sementando un futuro sostible”, “Saboreando a felicidade”, “O xen da felicidade”, “Viaxarte”, “A felicidade é axudar”, “Procura a felicidade. Acada a cima”, “Scape Room feliz”, “Química espectacular”, “A árbore da felicidade”, “A visibilización da muller”, “Le bonheur s´appelle français”, “Palabras vivas”, “ A infelicidade de ser invisibles”, “A verdadeira felicidade é a carencia de enfermidades”, “Descobre o mundo das abellas”, “A cor dos montes”, “A satisfacción de reconquistar a paisaxe”, houbo unha variada proposta de actividades nos stands e espazos que foron observadas, vividas, participadas e, mesmo, degustadas polos asistentes.

O IES Terra de Turonio é un dos institutos de Gondomar nos que ademais dos estudos da ESO impártese o Ciclo Profesional de Condución de Actividades Físico-Deportivas no Medio Natural. O alumnado deste Ciclo foi o encargado de mostrar diferentes aspectos da súa formación, como escalada, sendeirismo, ciclismo, xogos tradicionais, etc.

A ANPA do IES Terra de Turonio valorou moi positivamente esta nova xornada de Expoturonio e felicitou a toda a comunidade escolar polo traballo colectivo desenvolto.

Anuncios