Cidadáns quere facer de Baiona «un lugar para vivir e para traballar»

O candidato á alcaldía de Cidadáns en Baiona para as eleccións municipais, Adolfo Valverde, presentou este xoves a lista coa que tentará “facer de Baiona un lugar para vivir e para traballar”.

Valverde móstrase confiado en ser unha forza determinante para impulsar un novo modelo de desenvolvemento tanto económico como social, tras obter nas pasadas eleccións xerais 1.030 votos (13,5%).

Adolfo Valverde, enxeñeiro de profesión, encabeza unha lista moi representativa da sociedade civil, na que tamén destaca a súa número dous, Rosa Piñeiro, funcionaria do concello con 27 anos de carreira, así como avogados, politólogos, sanitarios, estudantes universitarios, mariñeiros, comerciantes, empresarios… “un equipo unido de profesionais sen pasado político”.

Cs Baiona preséntase coa firme idea de modernizar Baiona e integrar a todas as parroquias nun proxecto colectivo de futuro.

“Queremos que os baioneses esquezan estes catro anos de mala xestión e ausencia dunha oposición real. Queremos alternativas para os mozos e sabemos que somos a única opción crible porque polo menos 3 dos candidatos que concorren ás eleccións xa formaron parte de equipos de goberno no noso pobo, xa sabemos o que nos poden ofrecer e desgraciadamente non é positivo”, destacou Valverde.

Cidadáns Baiona irá debullando nos próximos días o seu programa electoral, un proxecto cuxas liñas fundamentais serán “converter Baiona nunha cidade moderna na que podamos vivir e traballar”. No seu programa, Cidadáns fará unha aposta decidida polo emprego, o turismo, o medio ambiente e a conciliación familiar.

Entre os seus principais obxectivos de campaña destacan a súa aposta pola economía azul coa creación dun Parque Tecnolóxico que aproveite os recursos mariños do municipio, medidas para impulsar o Camiño de Santiago, modernizar as praias coa iniciativa “Smart Beach” ou acabar coas algas na praia Ladeira, así como loitar por un proxecto para Cabo Silleiro e para descontaminar o estuario da Foz do Miñor.

Todo isto, xunto á creación dunha gardería que dará servizo 24 horas, para paliar o déficit de prazas e axudar aos traballadores con horarios especiais, serán os eixos fundamentais do seu proxecto.

“O turismo é moi importante para o noso concello, potenciar o Camiño de Santiago e rexenerar as nosas contornas naturais como a Foz do Miñor son unha prioridade. Pero Baiona necesita diversificar a súa economía para fixar a súa poboación, por iso nosa principal aposta é polo mar. Necesitamos un parque tecnolóxico baseado na economía azul. Unha industria sustentable, que aproveite os recursos mariños e dea emprego tanto a licenciados que xorden do campus do mar de Vigo, como aos profesionais do mar, principalmente mulleres e maiores de 55 anos”, subliñou o candidato de Cs.

Cidadáns Baiona leva un ano e medio traballando, no que presentaron unha vintena de propostas municipais e reuníronse cos principais actores sociais de Baiona, así como cos seus veciños nas 12 carpas informativas realizadas.

“Sairemos a gañar en Baiona sen facer ningún calculo partidista, non imos ser a bisagra de ninguén porque somos unha alternativa política seria e temos un proxecto innovador para Baiona”, asegurou Valverde para finalizar.