O galego Alboroto de Juan Carlos Ameneiro, novo campión de España de J80

A frota de J80 xa ten novos campións de España da clase. Este domingo, o Monte Real Club de Yates púxolle o punto e final ao Campionato de España de J80 – Trofeo Gestilar, que o club viña celebrando desde o pasado venres, con case 40 veleiros en liza e como antesala ao Mundial que as Rías Baixas albergarán o ano que vén.

Tras tres intensas xornadas de regata e sete probas completadas, o Alboroto do Juan Carlos Ameneiro sentenciou un título nacional polo que pelexou con uñas e dentes desde a primeira proba, ante unha frota que non llo puxo nada fácil e con varios equipos que estiveron a piques de quitarlle o liderado.

Coa súa tripulación habitual, formada polo campión do mundo da clase Javier Aguado, Javier Lago e Juan José Lago, Ameneiro comezou o campionato con forza, sumando dous segundos e un primeiro cos que se situou no máis alto da táboa. O sábado aguantaron a presión dos seus rivais e o domingo, tras gañar unha protesta na última proba por un fóra de liña que conseguiron recorrer, proclamáronse definitivamente campións de España de J80.

“Estamos moi contentos por gañar este campionato fronte a tantas tripulacións tan boas. Queriamos facer unha participación digna no nacional pero non esperabamos estar tan arriba. Ao final saíunos un campionato magnífico e a última hora, cunha reclamación dun fóra de liña que non tiñamos, nin moito menos, o comité creu conveniente facernos unha reparación e gañámolo moi apertados co Okofen, que é un moi digno adversario e fixo moi boa regata tamén”, afirmou Ameneiro.

Por detrás do Alboroto, a apenas catro puntos, o Okofen, tamén do Monte Real Club de Yates, levou a prata do trofeo e o subcampionato de España. O equipo formado por Javier de la Gándara, Diego Fernández, Pablo Franco e Jaime de la Gándara asinou un nacional moi bo, indo de menos a máis desde a primeira xornada. Arrancou desde a quinta posición e chegou mesmo a acariñar o triunfo, que finalmente se lle escapou deixándolle unha máis que meritoria segunda posición.

O cántabro Solintal de Ignacio Camino (Real Club Marítimo de Santander) completou o podio na terceira posición, non sen pelexar ata o último minuto polo título e despois dunha fin de semana no que non se baixou do podio en ningún momento. Regatearon tamén no barco Armando Gutiérrez, Cristobal Piris e Abelardo Quevedo.

A cita organizada polo Monte Real tamén decidiu aos novos campións de España con tripulación mixta, título que foi parar a mans doutro barco local, o Namasté de Luis de Mira. Con Susana Baena, Amparo Molla, Luis Gutiérrez e Hilda Martín entre as súas filas, o Namasté acabou cuns parciais de 3-13-3-13-8-23-7, en oitava posición da xeral e como primeiro equipo mixto. Un resultado brillante que deixa en Baiona o segundo título posto en xogo.

Ademais dos premios do campionato nacional, o Trofeo Gestilar tamén entregou galardóns ás mellores tripulacións feminina e xuvenil do campionato. O Decoexsa do Real Club Náutico de San Sebastián patroneado por Olatz Muñoz e cunha tripulación formada por Marta Lizarraga, Eva González, Patricia Alza, Gabriela Cruz e Carlota Gala foi o mellor barco tripulado exclusivamente por mulleres.

A mención especial á mellor tripulación xuvenil foi para outro equipo vasco, o Fhimasa do Real Club Marítimo do Abra-Real Sporting Club cunha tripulación formada por Nicolás Viar Laorden, Perico Basterra, Manuel Rey-Baltar, Alba Ortega e Tomás Trueba. Lograron, ademais, unha meritoria décimo quinta posición.

Con estes resultados finaliza un axustadísimo Campionato de España no que a competitividade entre as tripulacións levou á frota a pelexar cada eslora, cada saída e cada tramo do percorrido. Un ensaio perfecto de fronte ao Mundial do próximo ano, que se celebrará de novo nestas augas e baixo a organización do club baionés.

“Con calquera Mundial que se celebre en España estamos encantados e que se celebre en Baiona é un sitio estupendo. O Monte Real é un club que se envorca na vela e en organizar este tipo de campionatos, polo que é un luxo estar aquí”, afirmou o presidente da clase J80 en España, Armando Gutiérrez.

A entrega de trofeos, punto final e antesala do Mundial de 2023

Coa regata xa finalizada o Monte Real acolleu ás cinco da tarde a entrega de trofeos final, cerimonia na que se coroou ao gañadores Trofeo Gestilar e novos campións de España de J80. O acto contou coa presenza de José Luis Álvarez, presidente do Monte Real Club de Yates; Javier García Valcárcel, presidente de Gestilar; Raúl Guerrero, conselleiro delegado de Gestilar; Carlos Gómez, alcalde de Baiona; e Daniel Benavides, xefe provincial de deportes da Xunta de Galicia.

Para o presidente do Monte Real Club de Yates, José Luis Álvarez, este Campionato de España de J80 é moi importante porque “supón o punto de partida para o mundial que celebraremos en Baiona o ano que vén, e porque as tripulacións españolas puideron competir xa en augas galegas e tentear os nosos campos de regatas”. Na cita mundialista, prevista para setembro de 2023, o directivo do club baionés confía en contar cunha importante presenza internacional e “que os regatistas galegos e do Monte Real acaben en boa posición”.

Durante a cerimonia tamén se fixo entrega ao Alboroto do Trofeo da clase J80 España. O encargado de facer entrega do galardón foi o presidente da clase, Armando Gutiérrez.

O Campionato de España de J80 estivo organizado polo Monte Real Club de Yates co patrocinio de Gestilar e Homes by Gestilar e a colaboración da Real Federación Española de Vela e a Real Federación Galega de Vela. Contou ademais co apoio da Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra e o Concello de Baiona; e de marcas e empresas como Volvo Autesa, Martin Miller’s Gin ou Terras Gauda, entre outras.