Sin categoría

Carlos Abal denuncia a falta de apoio do goberno socialista á Comisión de Festas de Praia América

O candidato popular á alcaldía de Nigrán, Carlos Abal, rexeita frontalmente a decisión adoptada polo goberno de Juan A. González de priorizar a celebración dunha iniciativa privada como é o festival Vive Nigrán ao labor que desde hai máis de 30 anos realiza unha entidade veciñal como é a Comisión de Festas de Praia América.

E é que, o goberno municipal autorizou a celebración do Festival Vive Nigrán na terceira fin de semana de xullo na chaira de Montelourido, unha data e un espazo que desde fai xa máis de 30 anos estaba reservado á Comisión de Festas de Praia América para a tradicional Sardiñada, “unha das citas gastronómicas do verán tanto para locais como para visitantes e que é ademais dunha das principais fontes de ingreso que ten a comisión de festas para asumir a celebración das súas festas”, engade o candidato popular.

O candidato popular lamenta a decisión adoptada polo alcalde socialista, Juan A. González, que antepón os intereses dunha entidade privada con ánimo de lucro ao labor dunha entidade veciñal do seu municipio, “que de forma altruísta traballan moi duro para organizar unha das alternativas de lecer que tanto veciños como turistas temos no verán”, apunta Abal.

“Unha nova mala noticia para Nigrán, que se suma ao despropósito de non tramitar a solicitude das bandeiras azuis, e que supoñerá un novo pau para a actividade turística do municipio en plena tempada alta, que demostra ademais o pouco compromiso do alcalde Juan A. González cos veciños do seu municipio, poñendo unha nova pedra ao labor unha entidade veciñal e esquecendo unha cita gastronómica histórica que forma parte do patrimonio cultural municipal”, conclúe o candidato popular.