O Meixoeiro dispoñerá de 170 camas novas para os pacientes hospitalizados

O Meixoeiro renovará un total de 170 camas e 170 mesillas dos cuartos dos pacientes hospitalizados. O Servizo Galego de Saúde publicou hoxe a súa licitación por un importe de 627.385 euros, que será cofinanciado nun 80% cos fondos FEDER. Trátase de camas modernas, eléctricas, que permiten maiores prestacións que as actuais e, en consecuencia, son máis cómodas para os pacientes e manexables para o persoal.

Nesa licitación se contempla tamén a adquisición 25 camas, 25 mesillas e 25 sillóns para o hospital Álvaro Cunqueiro, por un importe de 110.412 euros.

Reforma integral do Meixoeiro

Con esta nova contratación, que ven a sumarse aos investimentos xa realizados nos últimos tempos, avanzase na reforma integral do Meixoeiro, co obxecto de modernizar e potenciar ese centro.

Cómpre lembrar que estanse desenvolvendo as obras de adaptación funcional das Unidade de Mama, Medicina Nuclear e Radioterapia do Meixoeiro nas que se invisten catro millóns de euros. A Unidade de mama ampliará e integrará os recursos diagnósticos da mama da área de Vigo, tanto os de cribado poboacional como os de diagnóstico hospitalario, polo que vanse duplicar os espazos actualmente dispoñibles.

En canto ás obras de Medicina Nuclear e da Unidade de Oncoloxía Radioterápica, tamén teñen por obxecto a ampliación dos espazos e unha mellora da distribución dos dispositivos e dos circuítos de atención.

O Novo Meixoeiro

Nos últimos meses, o Hospital Meixoeiro ven de experimentar un forte pulo en canto a investimentos e novas dotacións, o que ratifica o seu papel fundamental actual na configuración do CHUVI, así como o maior protagonismo que irá adquirindo, e que o reconverterá nun hospital totalmente renovado, o “Novo Meixoeiro”.

Así, entre as próximas actuacións tamén cabe subliñar a reforma da súa envolvente térmica -nos vindeiros días sairá a licitación a obra- para mellorar a cuberta, a fachada e os cerramentos. O obxecto deste proxecto é mellorar a eficiencia enerxética do edificio dacorde coa normativa estatal e europea vixente; controlar o consumo enerxético; posibilitar a introdución de enerxías renovables e edificios sostibles, e contribuír á difusión dunha cultura responsable co coidado do medio ambiente.

Hai que subliñar tamén que este hospital ven de dotarse con novas unidades e servizos como a Central de Esterilización, a Área de Lesionados Medulares, o Laboratorio central e o Laboratorio de Microbioloxía. Ademais, incorporouse novos equipamentos tecnolóxicos como un mamógrafo dixital, novos aceleradores lineais e unha ganmacámara para Medicina Nuclear.

En conclusión, estas actuacións representan a aposta clara do Sergas polo impulso á actividade asistencial do Meixoeiro e o firme compromiso institucional coa potenciación deste centro, da súa modalidade asistencial ambulatoria e, sobre todo, da súa capacidade cirúrxica.