Carlos Abal propón a creación dunha festa temática de referencia na comarca

A dinamización do turismo e a actividade cultural son claves para a actividade económica e o crecemento dun municipio como Nigrán. Por este motivo, o candidato popular á Alcaldía, Carlos Abal, reuniuse co conselleiro de Turismo e Cultura da Xunta de Galicia, Román González, para analizar a situación actual da promoción turística do municipio, “que é sen dúbida un dos motores económicos de Nigrán”, sinala.

Para iso, o candidato popular propón a creación dun Plan Estratéxico de Turismo, que non só permita desestacionalizar o turismo senón tamén ofrecer alternativas de lecer e entretemento para os seus veciños durante todo o ano, “e non só nos meses de verán”, puntualiza.

Neste sentido, atraer a celebración de probas deportivas e lúdicas durante todo o ano e mellorar o aspecto e os servizos de praias, xardíns e paseos é un elemento fundamental, “especialmente tras a decisión adoptada polo alcalde de Nigrán de non solicitar as bandeiras azuis e ante o aspecto que locen os nosos areais no mes de maio, sen limpar e cuns cheiros que dificultan o desfrute para os seus usuarios”, sinala Abal.

Festa temática

Situar a Nigrán no mapa de destinos turísticos é o obxectivo prioritario da candidatura de Carlos Abal, “queremos que Nigrán sexa un pobo coñecido, tanto polas súas fermosas praias como polas súas zonas verdes e as súas tradicións, por iso, estamos a deseñar a creación dunha Festa Temática de referencia na comarca, que poña en valor o patrimonio cultural e natural do noso municipio”, explica o candidato.