
O CB Nigrán segue recollendo éxitos froito dun intenso traballo. Nesta ocasión veu da man do seu equipo benxamín, formado por un total de 11 xogadores e xogadoras procedentes das escolas que o club ten nos diferentes colexios de Nigrán e Gondomar e que se proclamou campión absoluto de liga despois de gañar a semifinal e a final e de manterse invicto ao longo de toda a tempada.
Desde novembro, mes no que comezou a camiñar a liga, o equipo benxamín do CB Nigrán experimentou unha notable melloría que se puido visualizar partido a partido grazas a unha magnífica actitude mostrada na pista por parte dos nenos e nenas e ao excelente traballo levado a cabo polo seu adestrador, Víctor Alonso, xogador de liga EBA de Porriño, e de María Fernández, xogadora júnior do CB Nigrán, que axudou a Víctor no seu labor ao longo de toda a tempada.
Este título supón outro éxito do CB Nigrán, quen en tan só cinco tempadas converteuse nun club de baloncesto de referencia no Val Miñor.