Emocionante recta final do Trofeo Repsol

FOTO: ROSANA CALVO // Segunda xornada Trofeo Repsol.

Intensa segunda xornada do Trofeo Repsol do Monte Real Club de Yates que se disputa en augas da ría de Vigo desde o pasado mércores. Este sábado, na segunda etapa, os veleiros que compiten polo título demostraron que van a por todas e tras disputarse dúas novas probas, deixaron moi axustadas as clasificacións provisionais.

A pesar das dificultades co vento, que non soprou todo o que esperaba, e que por momentos retardou e mesmo deixou estancada a parte da frota, o comité de regata puido completar as dúas probas que tiña en programa: un barlovento-sotavento e un percorrido costeiro.

Na competición dos barcos máis grandes, os ORC 1, o Aceites Abril dos irmáns Pérez Canal segue na cabeza con 7 puntos, pero o Bosch Service Solutions de Ramón Ojea acurtou hoxe distancias e situouse a apenas un punto dos ourensáns. Logrou ademais o barco de Canido arrebatarlles a primeira posición da xeral conxunta dos ORC 1 e 2. Á terceira posición do podio provisional de ORC 1 subiuse hoxe o Starfighter de Julio Rodríguez, outro dos claros aspirantes á vitoria final.

Na clase ORC 2, coas mesmas probas que os ORC 1, o Unus de Luis García Trigo, do Monte Real Club de Yates, volveu mostrarse intratable unha vez máis. Leva tres vitorias nas tres probas disputadas e salvo sorpresas de última hora, ten todas as papeletas para alzarse vencedor. O Nahela da Guarda, con Víctor Álvarez aos mandos, elevouse hoxe da terceira á segunda posición; e pecha o podio provisional o Albarellos de Fernando Rey, de Portonovo.

Na competición dos J80, o Okofen de Javier de la Gándara reafirmou o seu bo facer na auga e os resultados obtidos nesta segunda xornada, cun primeiro no barlosota e un segundo no costeiro permítenlle manter intactas as súas aspiracións para lograr o título da Copa Luso Galaica de Monotipos J80, que se disputa por primeira vez no marco do Trofeo Repsol. A bastante distancia do primeiro, ocupan a segunda e terceira posición o Namasté de Luis de Mira e o Cansino de Fernándo Yáñez.

Na clase Fígaro, que do mesmo xeito que os J80 compite en tempo real, hai dous barcos que se manteñen na loita polo título tras asinar hoxe os mellores resultados. Son o Bouvento de Luis Alcázar, que chegará á última xornada en primeira posición tras lograr hoxe un primeiro e un segundo posto; e o Ladeira da vicecomodoro do Monte Real Genoveva Pereiro, que este sábado asinou unha gran xornada e ascendeu ata o segundo posto. Alimentando a súa ilusión por subirse a algún dos caixóns do podio final segue en terceira posición o Silleiro de Miguel Montes.

Mañá domingo celebraranse as dúas últimas probas da competición, dúas barlovento sotavento no fondeadoiro de Cíes que acabarán de definir o podio de gañadores. Será a partir do mediodía e pola tarde, no Monte Real Club de Yates, celebrarase a entrega de premios aos gañadores.

Anuncios